Chega 'Intraterra', o décimo cómic publicado polo alumnado de 'O Garaxe Hermético'

Pontevedra
05 de febreiro 2019

Será o venres 8 de febreiro ás 20.00 horas no arquivo provincial e contará coa presenza de 25 creadores desta publicación, que garda unha mesma estética

Intraterra
Intraterra / O Garaxe Hermético

A décima publicación que se realiza por parte do alumnado da escola profesional de cómic e ilustración O Garaxe Hermético leva por título 'Intraterra' e vai ser presentada publicamente este venres 8 de febreiro ás 20.00 horas no Arquivo Provincial da Deputación.

Neste traballo, o alumnado formado por 25 estudantes utilizan o sistema americano e xaponés para crear a mesma historia e coa mesma estética, nas anteriores edicións. Trátase dunha fórmula de traballo diferente á utilizada ata agora na que a publicación recollía historias individuais. 

Esta publicación é a quinta que se realiza a través da Editorial da Deputación de Pontevedra, un aspecto que agradece o director de O Garaxe Hermético, Kiko da Silva, que entende a importancia que ten para fomentar producións en lingua galega con apoio a creadores noveis. Desde esta escola de ilustradores quéixanse da falta de apoio por parte da Xunta de Galicia e, en concreto, do Agadic. 

'Intraterra' relata a historia da comunidade do BÚNKER 0018, situado na Tundra Rusa, que vive en conmoción por un asasinato. A inspectora Collins, do corpo de policía, é destinada a este lugar para atopar o culpable.