Chega a Pontevedra 'Recortes', un espectáculo sobre os claroescuros do fútbol profesional

Pontevedra
05 de decembro 2022

O espectáculo está previsto para o sábado 10 de decembro ás 21.00 horas no auditorio sede Afundación, A obra, dirixida por Tito Asorey, está centrada na última na investigación de Nacho Carretero. Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta son o elenco

Representación de 'Recortes, caneos e outras formas de driblar'
Representación de 'Recortes, caneos e outras formas de driblar' / Ainé Producións

O auditorio sede Afundación acollerá esta fin de semana a representación de 'Recortes, caneos e outras formas de driblar', que aborda os claroescuros do fútbol profesional.

O espectáculo está previsto para o sábado 10 de decembro ás 21.00 horas e, ao igual que os partidos de fútbol, durará 90 minutos de xogo sobre as táboas.

A obra, dirixida por Tito Asorey, está centrada na última na investigación de Nacho Carretero, que aínda non está nas librarías, pero si nos teatros. José L. Prieto adaptou os textos de Carretero para escribir o libreto. 

Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta son o elenco de Champions que representarán a xogadores, adestradores, directivos, xornalistas, seareiros e moitos outros personaxes.

Non chegan a ser once xogadores pero tampouco lles fai falta para facer que a grada se emocione, ría, berre, baile e reflexione.

Mesturar fútbol e teatro é un xeito novo e orixinal de achegar ao público a realidade deportiva pero, sobre todo, social que nos rodea. 'Recortes' xunta dúas formas de entretemento que semellan moi distantes no imaxinario social, para rachar coa idea de que certos tipos de cultura están limitados a un público concreto e exclusivo.

Tras estrearse o pasado setembro no Salón Teatro de Santiago, por onde pasaron preto de 5.000 espectadores en 22 pases, 'Recortes' iniciou unha xira por Galicia que durará ata febreiro. Tras a parada en Pontevedra, este espectáculo de gran formato estará en Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol. O calendario de funcións e a venda de entradas xa están dispoñibles na web recortes.gal.