Chega a Pontevedra 'Galiza, de Nós a nós', a mostra máis completa e ambiciosa realizada sobre esta xeración

Pontevedra
13 de maio 2021

A mostra afonda na revista e o grupo humano que marcaron o devir de Galicia con máis de 300 pezas de 64 institucións e prestadores

Mostra 'Galiza, de Nós a nós'
Mostra 'Galiza, de Nós a nós' / Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra acollerá dende o vindeiro xoves 20 unha das mostras máis importantes que recibirá este ano: 'Galiza, de Nós a nós'. 

Trátase dunha exposición que aspira a ser a recompilación máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a 'Xeración Nós' e recolle obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que amosan as conexións internacionais da revista, embaixadora da cultura galega con máis resonancia a nivel mundial na historia.

A pesares de abrir ao público o día 20 a inauguración oficial adíase ao venres 21 ás sete da tarde, e contará coa participación da presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o director do Museo, Xosé Manuel Rey, ademais do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. A mostra estará aberta ata o 11 de xullo.

Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Traballo, a exposición reúne máis de 300 pezas de 64 institucións e prestadores privados. 

Segundo explica a Deputación de Pontevedra nun comunicado, a mostra naceu co propósito de "servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais", como foi a emanada daquela iniciativa editorial nos anos vinte e trinta e daquel grupo humano que marcaron o devir de Galicia.

Nas tres salas do Museo nas que se distribúe, a mostra trasladará ás persoas visitantes desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata a actualidade, "poñendo o foco na vixencia dos principios defendidos pola Xeración Nós, como a dimensión universal da cultura galega, a necesidade de ter unha voz propia no mundo e o carácter aberto e integrador de Galicia".

Abórdanse as ramificacións e a polisemia de 'Nós' (grupo, xeración, revista, álbum…), xa que os amplos grupos interxeracionais que se moven arredor da revista son chaves no desenvolvemento das iniciativas anteriores, coetáneas e posteriores.

Con todo, os nomes de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol, Losada Diéguez e Cabanillas serán guieiros da exposición dende o inicio ao fin da mostra, "xa que a Galiza de hoxe sería imposible de imaxinar sen a súa contribución".

Entre os puntos de interese recóllense o mapa que inspirou a Otero Pedrayo; o legado de Pondal nunha maleta; o Santiago Peregrino que Castelao trouxo da Bretaña; a primeira tese de doutoramento sobre lingua galega; a folga de fame que conmoveu ao país; referencias de cando a BBC emitiu un programa en galego; ou as 134 portadas de Nós reunidas por vez primeira.

Ademais, reúne por primeira vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista, entre eles estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, suscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación.