15 de outubro de 1936. Nove homes son sacados da prisión habilitada no Frontón de Vigo e levados aos arredores de Baiona. Alí son asasinados. Era o final dunha vinganza que se iniciara días atrás, pero o comezo dunha lenda: a das cruces situadas nunha curva da estrada entre Baiona e A Garda. ÿ a historia que narra o documental A volta dos nove, que se proxectará este xoves 9 de outubro (20.00 horas) na Casa das Campás.
Este traballo audiovisual, dirixido por Antonio Caeiro e producido por O Faiado Producións, pretende reconstruír un suceso que deixou marcada a unha bisbarra pontevedresa durante xeracións. Por medio de diversos testemuños orais, moitos deles de testemuñas directas deste episodio, este documental de memoria oral comeza na actualidade e viaxa, mediante un longo flashback, cara aos anos 30.
Segundo explicou o propio director, A volta dos nove parte das súas vivencias da infancia. Recorda como, aínda en plena ditadura, oía falar de nove cruces que, misteriosamente, aparecían sempre na mesma curva dunha estrada de Baiona. Ninguén sabía quen as debuxaba e a lenda achacábao a "unhas meigas que facían marcas non chan". Pero nada máis lonxe da realidade. Todo partía dun sanguento episodio da represión franquista.
Despois de que dous irmáns, un anarquista e un socialista, matasen por accidente a un falanxista que irrompeu na súa casa, iniciouse unha violenta vinganza que finalizou co asasinato a sangue frío de nove mariñeiros de Nigrán e Baiona, sacados dun cárcere de Vigo. Matáronos preto das súas casas. Dende ese día e ata ben rematada a ditadura, van aparecer nesa mesma curva, debuxadas no chan, nove cruces en recordo dos nove homes.
Malia a persecución en busca de quen puidese realizar esas marcas e de ser borradas constantemente, as cruces seguían aparecendo un día tras outro durante eses corenta e tantos anos. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces mantéñense, agora imprimidas, como recordo de todo aquilo que sucedeu e que é preciso recordar, segundo Antonio Caeiro.
O director sinalou que este traballo audiovisual forma parte da "tristeloxía galega" que se completa con outros dous dos seus documentais, Aillados e A memoria nos tempos do wolframio.
A entrada para asistir á proxección deste documental é gratuíta ata completar aforamento.