Chega a Ponte Caldelas o programa "Aquí faltan páxinas" para afondar na figura pioneira de Placeres Castellanos

Ponte Caldelas
19 de maio 2024

O faladoiro terá lugar este xoves 23 de maio, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura da vila, e Silvia Caldas, neta de Placeres Castellanos, será a encargada de detallar a vida e traxectoria desta muller pioneira

Placeres Castellanos
Placeres Castellanos

O papel de Placeres Castellanos na resistencia francesa contra os nazis protagonizará este xoves 23 de maio na Casa da Cultura de Ponte Caldelas unha nova entrega do programa da Deputación "Aquí faltan páxinas".

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro ás 19.00 horas e Silvia Caldas, neta de Placeres Castellanos, será a encargada de detallar a vida e traxectoria desta pioneira muller.

O faladoiro, que se poderá seguir a través da web da Deputación de Pontevedra, irá acompañado dun pódcast do que se poderá desfrutar desde este xoves tanto na web institucional como en Ivoox e Spotify.

Nel recordarase a Placeres Castellanos, casada con Víctor Fraiz, mestre que foi perseguido e asasinado polo bando franquista trala sublevación de 1936. Tras este tráxico suceso, Castellanos tivo que escapar ao sur de Francia, onde permaneceu en campos de internamento e entrou en contacto coa resistencia francesa, coa que colaborou como guerrilleira. Ao rematar a guerra, o seu activismo feminista levouna a representar a Marsella, onde traballaba como xornalista, no Congreso Internacional de Mulleres celebrado en París en 1945. Catro anos despois parte cara Arxentina co seu fillo pequeno e en 1955 regresa a Galicia onde reside ata o seu falecemento en 1971.

A segunda colección do programa “Aquí faltan páxinas”, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano e, amais de Placeres Castellanos, tamén contempla a traxectoria de mulleres como a física Inmaculada Paz Andrade; a política e activista Urania Mella; a combatente María Araujo; a raíña Urraca I de León, “A temeraria”; as madriñas de San Simón; as leiteiras de Pontevedra; a pintora Mercedes Ruibal; a escritora Avelina Valladares; a música María Pardo; e a fotógrafa Mary Quintero.