Chega á Biblioteca de Pontevedra a mostra 'Compromiso na distancia', adicada a Florencio Delgado Gurriarán

Pontevedra
15 de novembro 2022

A exposición sobre o autor ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas pode visitarse ata o 2 de decembro na Biblioteca Pública Antonio Odriozola

Exposición 'Compromiso na distancia'
Exposición 'Compromiso na distancia'

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou este luns en Pontevedra a mostra itinerante 'Compromiso na distancia', unha das iniciativas incluídas na programación impulsada pola Xunta de Galicia con motivo da celebración das Letras Galegas 2022, dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán.

Durante a inauguración, Anxo Lorenzo destacou que "esta mostra que se pode visitar ata o 2 de decembro busca difundir a obra máis destacada do escritor e dar a coñecer os lugares máis significativos da súa vida como as terras valdeorresas ou as mexicanas, que o acolleron e influíron na súa poética".

A mostra, que iniciou a súa andadura en Vilamartín de Valdeorras, concello natal do homenaxeado, chegará a súa última parada, en Celanova, o vindeiro mes decembro tras pasar por Santiago de Compostela, A Coruña, Foz, Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras e Lugo.

'Compromiso na distancia' consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.

O texto central e a documentación corre a cargo de Héctor Cajaraville con pezas baseadas no libro publicado por Xerais, Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor e inclúe imaxes orixinais en branco e negro que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.

A exposición está enmarcada entre as máis de 150 actividades que a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos, realiza ao longo de todo o ano para homenaxear e dar a coñecer a figura e obra de Florencio Delgado Gurriarán.