En 1981, Charo López pasou unha tempada en Pontevedra. Veu para rodar na cidade a adaptación televisiva de Los gozos y las sombras, a aclamada novela de Gonzalo Torrente Ballester. Agora, catro décadas despois, a actriz volveu á Boa Vila.
Fíxoo para ser a 'madriña' da exposición A cidade é a pegada, que onte á noite se inauguraba no Pazo da Cultura e que estará aberta ata o próximo 22 de marzo.
Ademais de participar na mostra, que recolle un apartado sobre a rodaxe da serie protagonizada por Charo López, a actriz ofreceu un recital previo no que volveu a interpretar algunha das pasaxes do libro que inspirou un dos seus traballos máis destacados.
Baixo a atenta mirada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Cultura, Carmen Fouces; e as persoas que encheron o salón de actos do Pazo da Cultura, López rememorou o seu papel como Clara Aldán, a protagonista da triloxía de Torrente Ballester.
Tras o recital, a actriz non quixo perderse a inauguración da exposición e acompañou ás autoridades e aos asistentes no paseo inicial por unha mostra que, segundo os seus responsables, supón un "poema visual" sobre a alma da Pontevedra pasada, presente e futura.