Charo López emociona no Pazo da Cultura poñendo voz a versos de Rosalía de Castro, Lorca e Machado

Pontevedra
05 de febreiro 2023

A actriz ofreceu 'Verso a verso', unha gala co barítono Luis Santana e o pianista Víctor Carbajo, onde presentaba unha interpretación dalgúns dos máis coñecidos poemas de Miguel Hernández, Federico García Lorca, Antonio Machado, Rafael Alberti e coa incorporación de textos de Rosalía de Castro para a actuación no auditorio pontevedrés

Víctor Carbajo, Luis Santana e Charo López en 'Verso a verso'
Víctor Carbajo, Luis Santana e Charo López en 'Verso a verso' / Luisa Márquez - Pazo da Cultura

Charo López, a mítica actriz que interpretou a Clara Aldán na serie televisiva 'Los gozos y las sombras', baseada na triloxía homónima de Gonzalo Torrente Ballester, poñía ao público en pé no Pazo da Cultura de Pontevedra na noite deste sábado 4 de febreiro, mes e medio despois de ser unha das principais protagonistas na inauguración da exposición 'A cidade é a pegada' no mesmo recinto.

Nesta ocasión, a intérprete salmantina subía ao escenario pontevedrés co barítono Luís Santana e o pianista Víctor Carbajo. Con eles ofrecía un recital poético titulado 'Verso a verso' no que presentaba poemas e textos de autores tan representantivos como Federico García Lorca, Antonio Machado, Miguel Hernández, Rafael Alberti e coa incorporación, como novidade para a actuación pontevedresa, de obras de Rosalía de Castro.

O inicio da actuación viuse afectado pola anecdótica caída dos folios do atril de Charo López provocando uns minutos de desconcerto da actriz que tentaba reordenar os textos coa axuda de Luís Santana, minutos que se resolveron con simpatía e nos que o numeroso público aplaudiu en varias ocasións á veterana intérprete.

Sobreposta ao contratempo, o recital continuou con fluidez combinando a lectura dos textos con pezas musicais como 'Caminante, no hay camino' coñecida poppularmente pola versión de Joan Manuel Serrat; 'Hijo de la luna', de José María Cano, de Mecano; e sobre todo, coas versións de 'Lela', obra de Rosendo Mato sobre versos de Castelao, e de 'Negra sombra', peza do libro 'Follas novas' de Rosalía de Castro, que provocou a ovación desde as butacas.

Luís Santana lograba o acompañamento do público con palmas nalgunhas das súas interpretacións e o recital concluía cunha versión do exitoso tema 'No dudaría', de Antonio Flores', que finalizaba cos espectadores coreando o retrouso daquela icónica canción dos oitenta do desaparecido compositor madrileño.

Charo López e os músicos desaparecían do escenario entre os aplausos do público, entre o que se atopaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nun recital cuxo obxectivo é lembrar que só a poesía salva do esquecemento.