'Chao Mollabao', a festa que Liceo Mutante organiza para despedirse do barrio

Pontevedra
16 de outubro 2022

Desde este colectivo lembran que durante once anos realizaron máis de setecentas actividades. Consideran que "intereses espurios, unha normativa inxusta e a insensibilidade dos que mandan" obrigan a que abandonen o inmoble que empregaban e busquen un novo espazo. A festa está prevista para o 22 de outubro nas pistas de Mollavao

Acto reivindicativo de integrantes do Liceo Mutante en decembro de 2021
Acto reivindicativo de integrantes do Liceo Mutante en decembro de 2021 / Liceo Mutante

O vindeiro sábado 22 de outubro será o día en que o Liceo Mutante simbolice a súa marcha do barrio de Mollavao no que leva once anos realizando actividades. Este colectivo realizou unha publicación en Twitter na que lembran que o seu proxecto "popular e colectivo" no inmoble situado nese barrio programara máis de 700 actividades desde o seu inicio.

"Intereses espurios, unha normativa inxusta e a insensibilidade dos que mandan" son as causas que alegan para ter que buscar outra localización. "Marchamos, con fonda pena e moita loita, porque nos botan", afirman no seu fío na rede social.

Por este motivo realizarán a que denominan festa de non-despedida en 'Chao Mollabao' nas pistas das instalacións deportivas do barrio coa previsión de realizar unha xornada de festa e reivindicación: "estamos vivas e rabexamos e queremos celebralo con todas vós".

Para ese sábado, a partir das 17.00 horas, están previstas as actuacións de Malandrómeda, o mago da Rocha Vella ofrecendo rap híbrido, sucio e experimental, un artista que forma parte do Liceo Mutante desde os seus comezos; a cuadrilla dos Cró! con bailens imposibles e sonoridades sorprendentes; tamén se poderá ver ao trío vigués Cheap Lipstick con rock rápido e algo de punk; Lamprea Explosiva con máis punk; Zurraspa, procedentes de Mos con pop e influencias punkies; e LCTRCTD, co-fundador do Electrocute Zine e promotor de música experimental. 

A festa durará ata a medianoite ao berro de "a cultura non se vende, deféndese!"