Cerca de 22.000 visitantes dende o comezo do XVIII Salón do Libro

Pontevedra
26 de marzo 2017

Rematou a terceira fin de semana da XVIII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e fíxoo cunha grande afluencia de público. Se de luns a venres o número de visitantes rondou os 6.000, o sábado e o domingo sumáronse 6.000 máis, o que eleva a case 22.000 a cifra total dende a inauguración o pasado día 10

Salón do libro
Salón do libro / Mónica Patxot

Rematou a terceira fin de semana da XVIII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e fíxoo cunha grande afluencia de público. Se de luns a venres o número de visitantes rondou os 6.000, o sábado e o domingo sumáronse 6.000 máis, o que eleva a case 22.000 a cifra total dende a inauguración o pasado día 10.

"Co frío que vai, onde ides estar mellor ca no salón do libro?", preguntábase a actriz Fina Calleja no video promocional do espectáculo de Sarabela "Normas para saber vivir na sociedade actual". E o feito é que o mal tempo contribuiu a aumentar as visitas nunha semana cargada de propostas do máis variado.

O máis salientable foi a chegada de numerosos visitantes que se achegaron por primeira vez ao Salón, chegados non só das catro provincias galegas, senón mesmo de Asturias.

A presenza da Paco Nogueiras co seu espectáculo "Brinca Vai!" era unha das máis agardadas e o artista non defraudou nun Recinto Feiral ateigado na sesión de tarde deste domingo. Polo Correo do Vento, que fixo dobrete con "Tirando do fío" e "Carola a carteira Centola", e Charo Pita, cos seus "Bicos con leite" para os máis cativos, foron algúns dos contacontos máis seguidos da fin de semana.

Entre as actividades para o público xeral previstas de luns a venres, destaca especialmente a estrea do novo espectáculo de Baobab Teatro, "Pum Pum" (martes e mércores, ás 18:30 horas). Esta obra tenta transmitir dun xeito tenro unha mensaxe clara: dende a primeira infancia, ninguén pode obrigar a un neno a facer cousas que non queren.

E ademais, o venres 31, un espectáculo de premio. Teatro Paraíso trae ó Salón do Libro a súa obra "Lunaticus Circus", que acadou o recoñecemento á mellor escenografía nos Premios FETEN 2016.

Arquivado en