'Ceibe' chega ao Pazo da Cultura para romper con danza estereotipos de xénero na tradición galega

Pontevedra
02 de abril 2025
Actualizado: 11:29

A Fran Sieira Compañía de Danza presenta este xoves 3 de abril a partir das 21.00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra un espectáculo que cuestiona os roles tradicionais a través do movemento

Escena de 'Ceibe', de Fran Sieira Compañía de Danza
Escena de 'Ceibe', de Fran Sieira Compañía de Danza / Concello de Pontevedra

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este xoves 3, ás 21 horas, o espectáculo 'Ceibe', a nova proposta da Fran Sieira Compañía de Danza que pecha a actual edición do ciclo Ponteatro cunha reflexión escénica sobre as identidades de xénero e a súa relación coa tradición.

Tras o éxito de 'DeMente', a compañía regresa a Pontevedra cunha peza contemporánea que mergulla nas raíces do baile e a música tradicional galega para cuestionar os roles e estereotipos establecidos.

Baixo a dirección artística de Fran Sieira e Sergio R. Suárez, este último mestrado en materia de xénero e temática LGBTIQ+, o espectáculo propón unha mirada crítica sobre como o xénero atravesa os nosos corpos e condiciona os nosos movementos.

No escenario, oito bailadoras e bailadores presentan corpos libres de xestos marcados, convidando ao público a fixarse na expresión corporal sen os condicionantes dos modelos hexemónicos de masculinidade e feminidade.

Un dos elementos máis simbólicos da posta en escena é a maraña de fíos vermellos que cobren os rostros dos intérpretes, representando os códigos sociais que nos condicionan desde o nacemento.

"Ceibe é o resultado dun proceso creativo moi enriquecedor que segue aberto", explica Fran Sieira, quen engade que cada actuación supón unha nova oportunidade para seguir investigando sobre esta temática.

O elenco está formado por Adela Otero, André Adrio, Aida Tarrío, Artur Puga, Cris Canosa, José Adrián Casal, Martín Mondragón, María Montero e Patricia Sanchez.

'Ceibe', de Fran Sieira Compañía de Danza
'Ceibe', de Fran Sieira Compañía de DanzaConcello de Pontevedra

Este é o terceiro espectáculo dunha compañía que se caracteriza polo seu compromiso social. Se 'DeMente' abordaba a loita contra os estigmas da saúde mental, 'Ceibe' céntrase na análise do xénero na sociedade e, particularmente, no baile tradicional galego.

A proposta conta cunha coidada escenografía de Laura R. Iturralde e música orixinal de MounQup con cancións de Carlos Quintá.

As entradas para este espectáculo están dispoñibles en Ataquilla.com a un prezo de 8 euros, con descontos para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos (4 euros). De non esgotarse, poderán adquirirse tamén na billeteira do Pazo unha hora antes da función.