Con catro espectáculos dunha "alta calidade e variedade". Así regresa ao Teatro Principal o ciclo Ponteatro, que traerá a Pontevedra a algunhas das mellores compañías escénicas do país nunha programación que se concentrará entre o 19 de outubro e o 16 de novembro.
As compañías Lazona Films, Sarabela Teatro, Diego Anido e Amorodio Teatro son as autoras das pezas teatrais das que o púbico poderá gozar esos catro xoves, a partir das nove da noite.
O ciclo abrirá o xoves 19 con María Luisa, de Lazona Films, unha comedia sobre a soidade, sobre a vellez e sobre os difusos límites entre a realidade e a imaxinación. Narra a vida dunha muller entrada en anos que vive soa e que coñecemos a raíz dunha conversa co porteiro da casa.
Unha semana despois, o xoves 26, será a quenda de Arraianos, de Sarabela Teatro, que adapta dous relatos de Xosé Luis Ferrín nos que transitan o erotismo, o misterio, a miseria, a conciencia e a grandeza de alma e de vida. Historias de meigas, contrabando, caciquismo e agrarismo.
Para o xoves 9 de novembro está prevista a función de O deus do pop, de Diego Anido, unha autobiografía de carácter fantástico a medio camiño entre a súa vida na Galicia dos 80 e a dunha estrela do pop americana. Desde a tenrura e o humor absurdo reflexiona sobre como creamos un relato para conformar a nosa identidade coas nosas vivencias pasadas e desexos futuros.
Este Ponteatro chegará a súa fin o 16 de novembro con A Nai, de Amorodio Teatro, que explora, a través das figuras das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, e as súas fazañas como salvadoras dunha cantidade estimada de 500 persoas durante o Holocausto, a posibilidade de sermos mellores persoas en tempos de degradación moral.
As entradas para as obras que integran esta nova edición de Ponteatro están á venda a un prezo de oito euros, reducido a catro para estudantes, desempregados e maiores de 65 anos. Haberá tamén unha modalidade de abonos para as catro sesións, que custará 25 euros.