O laboratorio de desenvolvemento do festival Novos Cinemas, o #LAB, seleccionou catro proxectos chegados desde Arxentina, Portugal e España para a súa novena edición.
Son Un dios me ha robado el rostro, do español Franco Figueroa (Arxentina); Me llamo Erik Satie, como todo el mundo, de Joanna Carro (Portugal); Feísmo, da galega Lorena Iglesias (España); e Púa, de María Gisèle Royo e Julia de Castro (España).
O laboratorio está dirixido nesta ocasión pola cineasta Isona Admetlla, socióloga e xestora cultural con ampla experiencia como docente, consultora e deseñadora de audiencias.
Xunto a ela haberá un equipo de mentores de ámbito internacional composto por Lorena Morin, directora do Mercado Internacional del Cine Casi Hecho, o director e produtor Lukas Valente e a distribuidora María Vera, que orientarán os seleccionados ao longo do proceso.
O #LAB formará parte de seis días de actividades que servirán de impulso creativo para cineastas emerxentes, dende estes laboratorios de primeira longametraxe, aos encontros cos profesionais do audiovisual e aos talleres adaptados a distintos públicos con directores como Álvaro Gago.
Así, a sección Encontros contará coa participación de dous cineastas galegos, Adrián Canoura e Ángel Santos, que compartirán imaxes inéditas das súas longametraxes.
Tamén estarán Pedro Miguel Alves, da Escola das Artes de Porto; que exporá as liñas mestras do programa académico deste centro; e co fotógrafo e realizador Amador Lorenzo, que presentará o seu proxecto de investigación fotográfica e audiovisual recompilado no libro Nacenza.
A oferta complétase cunha mesa redonda sobre estratexias de promoción para o cinema de autor e emerxente coa presenza de María Yáñez, María Vera e Lorena Morín.
A sección Aula do festival reforzará, pola súa banda, o intercambio de coñecemento entre profesionais do audiovisual e a cidadanía mediante talleres adaptados a diferentes públicos que promoven a aprendizaxe e a participación activa.
Será co taller do director Álvaro Gago (Matria), outro impartido por Jamie Weiss centrado na produción audiovisual e un taller infantil sobre a planificación dun filme a través da creación dun storyboard, este último dentro da sección Aula + Novos.
Novos Cinemas complementará a súa oferta formativa con dúas iniciativas que achegarán novos puntos de vista e reforzarán as alianzas internacionais do festival.
Carta Blanca é unha sección de nova creación na que se convidará a outro festival a programar unha sesión especial. O elixido nesta edición é Daniel Martins Maciel, do festival internacional de documentales que se celebra na localidade portuguesa de Melgaço.
Ademais, o festival pontevedrés colaborará co Porto/Post/Doc, que evidencia e amplifica as conexións de Novos Cinemas co cinema e os festivais lusos.
Esta colaboración, que abre unha vía cara a unha irmandade co festival portuense, terá lugar no marco da sección Working Class Heroes, unha singular iniciativa que promove a produción cinematográfica centrada na historia obreira da cidade de Porto mentres facilita a emerxencia de novas voces e incide no valor social e ideolóxico do cinema.
A sesión será presentada presentada por Sérgio Gomes, director executivo de Porto/Pos/Doc.