A Real Academia Galega (RAG), o Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié irán da man no mes de novembro para alargar os actos cos que ao longo de todo este ano rendeuse homenaxe á figura de Xosé Filgueira Valverde como homenaxeado no Día das Letras Galegas. Habitualmente na recta final do ano organízase unha actividade de balance e análise da persoa á que se dedicou o recoñecemento, pero o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, destacou que a programación deste ano non ten precedentes en canto á cantidade de institucións implicadas e o ambicioso das xornadas proxectadas.
"Por primeira vez dende que existe o Día das Letras Galegas catro institucións importantes van da man" para analizar a figura do homenaxeado. Será con catro xornadas previstas os días 10 e 11 de novembro no Museo de Pontevedra, o martes 24 no Consello da Cultura Galega en Santiago, o xoves 26 na Real Academia Galega na Coruña e o venres 27 na Fundación Barrié na Coruña.
As actividades, presentadas este martes no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, serán o broche final a todo un ano de actividades no que xa se analizou a figura do polifacético Filgueira Valverde e todas se recollerán nunha serie de actas que se publicarán entre sete e oito meses despois coa aspiración de converterse en "textos que servirán para interpretar aínda mellor a un estudoso polígrafo".
Fernando Filgueira, fillo de Filgueira Valverde e presidente da fundación que leva o seu nome, destacou a importancia deste "final de festa" e, en especial, de que esas actas das xornadas saian publicadas, pois "se no se publica, non existe". Con estas novas actividades e as xa organizadas nos dez primeiros meses do ano aquelas institucións das que Filgueira Valverde formou parte "devólvenlle o 101 por cento" a unha persoa que "lle dedicou parte da súa vida", en alusión ao seu vínculo persoal e profesional coa Real Academia Galega (RAG), o Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié.
As xornadas levan o título conxunto de 'Filgueira Valverde na cultura galega do século XX' porque, segundo o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, "a Galicia que coñecemos dificilmente sería como hoxe a contamplamos sen a figura de Filgueira Valverde". Con estas catro actividades péchase un ciclo, pero, ademais, confía en que sirvan para "redimensionar a importancia e traxectoria da figura" deste político e escritor pontevedrés.