Catro espectáculos para o outono teatral en Afundación con Lola Herrera e Roberto Álvarez como 'primeiros espadas'

Pontevedra
06 de xuño 2023

A tempada outonal de teatro que deseñou Afundación para Pontevedra incluirá catro espectáculos que, entre os meses de outubro e decembro, traerán á cidade a intérpretes da talla de Lola Herrera, Roberto Álvarez, Ana Fernández ou Jon Plazaola

Lola Herrera, Ana Labordeta e Lola Baldrich
Lola Herrera, Ana Labordeta e Lola Baldrich / Afundación

A tempada outonal de teatro que deseñou Afundación para Pontevedra incluirá catro espectáculos que, entre os meses de outubro e decembro, traerán á cidade a intérpretes da talla de Lola Herrera, Roberto Álvarez, Ana Fernández ou Jon Plazaola.

Equus, a adaptación da peza de Peter Shaffer, será a obra que inaugure esta tempada o 18 de outubro. Nela, un psiquiatra (Roberto Álvarez) recibe o encargo de tratar a un mozo que cometeu un acto brutal: sacarlle os ollos cun punzón a seis cabalos que coidaba.

A partir de aquí comeza unha investigación na que deberá investigar sobre que levou a este mozo de boa familia, que xamais tivera ningún problema, a cometer tal atrocidade.

O elenco complétase con Álex Villazán, Jorge Mayor, Mamen Camacho e Claudia Galán.

O 22 de novembro será a quenda de Un Óscar para Óscar, con Jon Plazaola, Agustín Jiménez, Rebeca Sala e Mara Guil, ambientada en Los Ángeles o día da entrega destes premios.

Alí atópase un director nomeado e dous ministros, con continuos piques entre eles. A poucas horas de empezar a cerimonia, aparece unha moza de compañía contratada para que finxa ser a noiva do director. Todos eles vivirán a noite máis tola das súas vidas. 

Jacobo Dicenta, Ana Fernández, Juanma Navas, Alberto Lucero e Isabel Moreno protagonizan, pola súa banda, El librero de Azaña, que se poderá ver o 30 de novembro.

Nela, desde unha librería de libros usados no Madrid que segue sendo un vínculo entre o vello e o moderno, a historia pasa vertixinosamente no seu escaparate e os libros reflicten os sucesos máis decisivos ocorridos durante vinte anos da nosa historia.

Adictos, a obra protagonizada por Lola Herrera, Ana Labordeta e Lola Baldrich, pechará esta tempada o 7 de decembro, tras ser suspendidas as súas representacións en Pontevedra e Vigo a finais do ano pasado por enfermidade dunha das súas actrices.

Esta obra xorde da necesidade de abordar unha problemática que nos afecta a todas as persoas: ata que punto a tecnoloxía nos somete? Somos libres? Que tipo de sociedade construímos? Que nos trae o futuro? Merecemos chamarnos seres humanos? 

Os abonos para asistir a estas catro obras, que teñen un 20% de desconto con respecto ao prezo das entradas soltas, estarán á venda ata o 10 de setembro en Ataquilla.com. Ao día seguinte poderanse adquirir os pases para cada un dos espectáculos por separado.