Catro críticos de cinema debaterán sobre o oficio no FICBUEU

Bueu
20 de agosto 2018

Catro das firmas máis relevantes da crítica cinematográfica española, Jordi Costa, Jara Yáñez, Sergi Sánchez e Manu Yáñez, debaterán sobre o seu controvertido oficio no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) 

Jordi Costa
Jordi Costa / FICBUEU

Catro das firmas máis relevantes da crítica cinematográfica española, Jordi Costa, Jara Yáñez, Sergi Sánchez e Manu Yáñez, debaterán sobre o seu controvertido oficio no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU).

Os catro participarán na charla 'A crítica de cine', que se desenvolverá o sábado día 15 ás 11.30 horas no Punto de Encontro e estará regada cun vermú xentileza de Bodegas Lodeiros. A actividade terá acceso libre e de balde. 

Trátase de catro convidados que exercen en periódicos de tirada estatal e en revistas especializadas e achegaranlle ao público o complexo oficio da crítica cinematográfica.

Ademais, ofrecerán análises diverxentes sobre algúns dos filmes máis controvertidos dos últimos anos no panorama español e internacional, entre eles 'El árbol de la vida' (Terence Malick), 'Melancolía' (Lars von Trier), 'Carmina o revienta' (Paco León), 'Amor' (Michael Haneke) ou 'Madre!' (Darren Aronofsky).

O debate estará moderado por Natalia Alonso, redactora xefa de Volvoreta, e forma parte das actividades cinematográficas que se desenvolven en paralelo ao FICBUEU, que este ano terá proxeccións do 7 ao 15 de setembro. 

Jordi Costa escribe habitualmente en El País e Fotogramas; Yara Yáñez traballa desde hai unha década na redacción de Caimán Cuadernos de Cine; Sergi Sánchez asina como crítico cinematográfico en Fotogramas, La Razón e Time Out Barcelona.

Manu Yáñez iniciouse na crítica de cine nas publicacións dixitais Miradas de cine e Tren de sombras, ata dirixir na actualidade a web Otros Cines Europa e colaborar con cabeceiras como Fotogramas, El Cultural, Rockdelux ou a norteamericana Film Comment