Quen se achegue por Campolongo ou pola praza da ponte do Burgo durante estes días comprobará a instalación de dúas casetas cun volume de 6x4 metros.
Trátase de dous dos catro elementos que se establecerán na cidade para potenciar un mercado de novos creadores. As outras dúas casetas figurarán na praza de entroncamento coa ponte de Santiago e nas inmediacións da pasarela José Adrio.
Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica, explicaba este xoves que estes espazos forman parte dun proxecto con fondos europeos que, entre outras cuestións, tiña previsto crear un mercado de novos artistas creadores que se instalaría nos baixos baleiros do Mercado de Abastos.
Pero o anterior goberno local, coa participación do Partido Socialista, decidía ofrecer outro enfoque, que contemplaba a contratación destas casetas para que nelas se desenvolvesen a súa actividade estas persoas creativas naRúa Serra.
Agora, unha vez retomado o proxecto, decidiuse a instalación noutros puntos, a quince minutos de distancia do Mercado de Abastos, xa que nas proximidades provocarían problemas de accesibilidade e impedirían o desenvolvemento habitual doutras actividades, explicaba Gulías.
A intención do Concello é establecer unha rede de arte emerxente en Pontevedra.
A primeira intención é acondicionar a parte externa das casetas cunha decoración atractiva. Estableceranse unhas residencias artísticas nas que catro creadores decoren a caseta en relación coa contorna de cada barrio no que están situadas, consultando previamente con residentes e comerciantes da zona.
Javier Carrera, membro de Reclamo Estudio, será o encargado de comisariar as intervencións e tamén o contido posterior das casetas en colaboración co profesorado da Facultade de Belas Artes.
Anabel Gulías indicou que se está en contacto con Belas Artes para ofrecer esta opción ao alumnado da facultade do campus coa idea de establecer unha programación continua a partir de principios de 2025 con propostas culturais e tamén con actividades para escolares.
As casetas son propiedade do Concello de Pontevedra e están orzadas en arredor de 150.000 euros procedentes de fondos europeos, segundo indicaba a concelleira.