Un total de catorce parellas de diversas localidades galegas, Pontevedra, Vigo, Marín, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Baiona e Lugo, compartirán os seus versos na segunda edición da mostra poética 'Versos a dúas voces'.
O recital, organizado polo colectivo De vella a bella coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, celebrarase no marco do Día Mundial da Poesía, que se conmemora o 21 de marzo.
Será dous días desa efeméride, o 19 de marzo ás 19:00 horas, no Museo de Pontevedra.
Esta iniciativa procura converter a poesía nun acto colectivo e participativo, aberto a todas aquelas persoas que desexen formar parte como autoras, autores ou acompañantes.
Tal e como indica a súa denominación, a mostra consistirá nun recital en parellas no que a interacción e a voz compartida terán un papel fundamental.
Ademais, o acto estará aberto a todo o público interesado en gozar da experiencia poética.
A mostra contará tamén coa destacada participación dos músicos Clara Pino e Pablo Vidal, recoñecidos pola súa traxectoria artística, quen ofrecerán tres intervencións musicais ao longo do evento.
Con esta celebración, 'Versos a dúas voces' reafírmase como unha proposta cultural que promove a poesía como expresión artística viva, fomentando a colaboración, a creatividade e a difusión da palabra poética en comunidade.