O Museo de Pontevedra vai camiño de reparar o que, ao seu entender, sempre foi unha "inxustiza histórica". Que o nome de Castelao, un dos seus fundadores e principais valedores, nunca estivese presente na denominación das súas diferentes sedes.
No prazo dun mes, segundo as previsións dos responsables do Museo, o coñecido como Sexto Edificio pasará a denominarse Edificio Castelao.
Así o anunciaron este xoves en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o director do museo pontevedrés, José Manuel Rey. A decisión foi adoptada por unanimidade do Consello Asesor o pasado 4 de novembro, segundo explicaron.
Desta maneira, segundo Mosquera, o Museo de Pontevedra completa este proceso de "reparación" con Castelao, o artista "máis relevante" que tivo relación co museo e cuxa obra, ata hai anos, estaba "arrinconada" e non se atopaba "en condicións".
Agora Castelao é o único artista que conta cun espazo "exclusivo" para expoñer a súa obra, máis de 2.000 pezas, ás que se uniron en propiedade os orixinais do Álbum Nós, sen dúbida un dos seus traballos máis emblemáticos e destacados.
"É difícil entender o Museo sen Castelao", defendeu o seu director, que lembrou que o artista de Rianxo chegou a Pontevedra en 1916. Aquí residiu durante dúas décadas. Esta cidade foi testemuña da "evolución gradual" da súa traxectoria artística e intelectual.
O primeiras once obras de Castelao que custodiou o Museo foron cedidas aínda en vida polo artista que, segundo lembrou José Manuel Rey, "manifestou sempre o seu desexo" de que as súas obras máis destacadas quedasen depositadas en Pontevedra.
En 1964 a súa viúva, Virxinia Pereira, vendeu ao Museo gran parte do legado artístico do seu marido e despois chegaron "moitas outras obras", engadiu Rey, a través de doazóns, depósitos e compras xestionadas por anteriores directores como Filgueira Valverde ou Carlos Valle.
O "punto culminante", apuntou o director do museo pontevedrés, foi a adquisición do Álbum Nós, que fortaleceu o papel desta institución como "espazo de referencia" para o estudo do legado artístico e intelectual de Castelao.
Aínda que o cambio de denominación do Sexto Edificio podería realizarse como un mero trámite, o goberno provincial levarao a pleno para darlle unha "maior solemnidade". Ademais, non se materializará "con catro carteis", segundo Mosquera, senón cunha actuación de maior calado e visibilidade.