Os ministerios de Memoria Democrática e de Cultura organizan durante estes días o Congreso 'Encontros Museísticos. As coleccións do exilio' e este luns participaba a conservadora Ángeles Tilve, en nome do Museo de Pontevedra para explicar a orixe e a evolución do legado de Alfonso Rodríguez Castelao na institución pontevedresa.
Durante a sesión referente á 'Arte e memoria nas coleccións españolas', a técnica do Museo relataba como se desenvolveu o proceso de recuperación, que resultou complexo, da colección Castelao, ademais do labor investigador e de difusión sobre a súa figura que se realiza desde hai décadas.
A colección que se atopa no Museo, institución que el mesmo promoveu, iniciouse grazas a un depósito persoal do autor en 1931. Na actualidade, preto de 2.000 obras orixinais atópanse nos edificios do Museo que permiten coñecer as numerosas facetas intelectuais e creativas que Castelao levou a cabo en campos literarios, políticos e artísticas. O Sexto Edificio do Museo conta cunha sala de máis de 200 metros onde se mostran algúns dos seus máis destacados traballos.
Ángeles Tilve lembrou que o conxunto da obra de Castelao foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia ao tratarse de "quizais a figura máis simbólica e representativa do século XX en Galicia". Durante a súa exposición, a técnica en conservación realizou un repaso sobre a vida do autor que foi deputado nas Cortes entre 1931 e 1936, sendo moi activo na reclamación do Estatuto para Galicia. A súa presenza en Madrid cando se produciu o golpe de estado terminou derivando nun exilio a Bos Aires, onde falecería en 1950 e baixo a etiqueta de ser un artista especialmente "odiado" polo Réxime franquista.
En 1931 deixaba en depósito once debuxos a cor, obras que foron incautadas xudicialmente xunto a outras requisadas no seu domicilio para garantir o pago dunha sanción económica de 75.000 pesetas, que impuxera a Comisión Liquidadora de Responsabilidades Políticas. Todas as obras foron depositadas para a súa custodia no Museo e en 1951 lográbase que se incorporasen ao Patrimonio do Estado polo seu interese artístico do mesmo xeito que a biblioteca do artista para protexela do concelleiro Enrique Fernández Villamil, que pedía a súa "depuración" ao entender que era contido perigoso.
Antes de morrer, Castelao manifestou o seu desexo de que a súa produción quedase no Museo pontevedrés. A súa muller, Virxinia Pereira, cedeu ao Museo os dereitos das obras e da biblioteca, pero foi necesario chegar a un acordo económico coas irmás do autor en 1969 para manter as obras, convenio que foi renovado en 1970 e no ano 2000.
A partir dos anos 70 incorporáronse obras do artista de maneira constante, destacando o ingreso de 51 debuxos orixinais do álbum Nós no ano 2016, que se atopaba en paradoiro descoñecido desde 1931.