Case corenta concertos amenizarán en Pontevedra o debut do programa "Cabos Soltos"

Pontevedra
01 de marzo 2019

Dar un impulso á escena creativa emerxente de Pontevedra e activar as salas de concertos e locais de hostalería para que, ademais do servizo para o que están autorizado, apoien a creación cultural. É o obxectivo co que nace o programa municipal Cabos Soltos, que arrancará cunha gran festa de presentación os días 21, 22 e 23 de marzo

Presentación de Cabos Soltos no Concello
Presentación de Cabos Soltos no Concello / PontevedraViva

Dar un impulso á escena creativa emerxente de Pontevedra e activar as salas de concertos e locais de hostalería para que, ademais do servizo para o que están autorizado, apoien a creación cultural. É o obxectivo co que nace o programa municipal Cabos Soltos, que arrancará cunha gran festa de presentación os días 21, 22 e 23 de marzo.

Cabos Soltos comezará con case corenta concertos de música en directo por toda Pontevedra, segundo explicou a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, que destacou que o goberno municipal traballa no ámbito cultural non só como unha cuestión "meramente artística", senón como unha "parte fundamental" da economía do municipio.

A edil sinalou que os grandes festivais son unha plataforma "excepcional" para achegar a cultura ao público, pero Pontevedra optou por "non deixar de lado" os eventos en pequenas salas que, desde sempre, axudar a "expandir" unha cultura "minoritaria e emerxente" que doutra maneira apenas tería percorrido.

Un total de 35 locais da cidade están nestes momentos pasando unha auditoría técnica para comprobar que son aptos para acoller eventos culturais en directo, en virtude da nova lei de espectáculos públicos de Galicia.

Todos eles aceptaron anotarse nun catálogo municipal e recoñecen estar dispostos non só a programar música, senón tamén a acoller calquera tipo de evento cultural que estea relacionado coa creatividade artística como exposicións, microteatro, recitais de poesía, presentacións de libros ou pases de moda. 

Pola súa banda, os artistas emerxentes que participen en Cabos Soltos tamén terán o seu propio catálogo para que os locais teñan unha maior facilidade á hora de buscar propostas para programar nas súas salas; e para o público editarase un boletín que recolla toda a programación que se ofertará neste programa cultural.

Un concerto de Ángel Stanich, o xoves 21 de marzo na Sala Karma, servirá como tarxeta de presentación desta iniciativa que, xunto cun segundo concerto de Félix Arias o venres 22 en El Pequeño, complétase cunha ampla oferta de máis de trinta concertos en horario matinal, vespertino e nocturno durante o sábado 23.

Así, entre outros artistas, polos locais da cidade actuarán Flip Corale, Santi Araújo, Rodrigo Valiente, Querido Extraño, Moloch, Jacobo Saiz, King Cabra, Rusty James &Fringe, Sugar Mountain, Mr. Magoo, Joao Tomba, Uncle Doc + N. Skillzz, Bottobeat, Paranoir ou Miguel Silva. A programación completa pódese consultar en www.pontevedra.gal/cabos-soltos/.

XORNADAS TÉCNICAS

A presentación de Cabos Soltos completarase cunhas xornadas técnicas que se celebrarán os días 21 e 22 de marzo na Casa da Luz, na que se analizarán diversos temas relacionados coa produción cultural e que contarán coa participación de numerosos profesionais de recoñecido prestixio.

Estas conferencias que, segundo Gulías, son un de nivel "extraordinario", analizarán cuestións como os dereitos laborais dos artistas, como monetizar o traballo creativo, o cambio irreversible no modelo de negocio musical ou os criterios programáticos que seguen salas e festivais para ofrecer concertos en directo.