Case 244.000 persoas participaron en 2019 nas actividades do Pazo da Cultura

Pontevedra
26 de xaneiro 2020

O 2019 que rematou hai apenas tres semanas foi un bo ano para o Pazo da Cultura. As actividades e eventos organizados nos seus tres espazos, o Teatro Principal, o Recinto Feiral e o propio Pazo, acadaron 243.968 visitas, segundo consta no balance realizado polo organismo

Concerto de Marful e Sabela en Culturgal
Concerto de Marful e Sabela en Culturgal / Diego Torrado

O 2019 que rematou hai apenas tres semanas foi un bo ano para o Pazo da Cultura. As actividades e eventos organizados nos seus tres espazos, o Teatro Principal, o Recinto Feiral e o propio Pazo, acadaron 243.968 visitas, segundo consta no balance realizado polo organismo.

En total, organizáronse 590 actividades o que supuxo que nalgún dos espazos houbese uso practicamente durante todos os días do ano.

Se a estas actividades se lle engaden as incluídas nos programas de certames como o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, o Festival das Núbebes, o Culturgal, o festival Novos Cinemas ou as proxeccións do ciclo Amal en Ruta, o número de actividades ascende ao millar.

Un ano máis, as actividades musicais foron as que máis xente atraeron ao Principal e ao Pazo da Cultura. Foron 96 concertos que, no seu conxunto, contabilizaron 31.747 espectadores. Os de máis éxito foron os ciclos As Matinés do Principal, Voices, Jazz no Principal, Cantos na Maré ou o tradicional concerto de Aninovo.

Outras 20.313 persoas gozaron coas 75 actuacións incluídas na oferta de teatro e danza. Entre elas, destacaron o ciclo de teatro familiar Domingos do Principal, cunha media de 311 espectadores por sesión; o ciclo Ponteatro, o Festival das Núbebes -con 3.285 espectadores nas 43 actividades ofertadas- e a tempada de teatro do Pazo da Cultura.

No ámbito do cinema as proxeccións ascenderon a 61 e os espectadores a 11.320, sumando as sesións do Cineclube, Amal en Ruta, o Flop e Novos Cinemas.

En canto ás exposicións, foron 31.859 as persoas que visitaron a mostra monográfica de Ana Juan, previa ao Salón do Libro, e as mostras Alba de Gloria e Diálogos na Pintura; mentres que en festivais e certames contabilizáronse 31 eventos, entre os que destaca a gala dos Premios Galegos da Música ou o Certame das Murgas.

26.000 ESPECTADORES NO SALÓN DO LIBRO

Mención especial merecen as actividades para escolares, nas que destaca o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que acadou en 2019 a súa vixésima edición concentrar a 26.000 persoas ao redor dunha programación de 200 actividades.

A esta cita súmase a oferta específica para centros escolares incluída dentro dos ciclos Luns do Principal e Ponteatro.

Pola súa banda, no apartado de feiras e eventos deportivos o Recinto Feiral acolleu as visitas de 117.924 persoas en citas como Etiqueta Negra, Edugal, Debut ou o Culturgal; e aos cursos e reunións celebradas no Pazo e no Teatro ao longo do ano asistiron 9.528 persoas e a congresos e xornadas varias houbo outros 4.904 asistentes -unhas duascentas persoas por evento-.