'La casa de la abuela', premio Augal á mellor curta cunha historia intimista sobre a síndrome de Down

Pontevedra
21 de decembro 2024

A peza, realizada por Ashling Ocampo, titulada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, "fala das expectativas vitais na mocidade e pon en valor a diversidade"

Imaxe da curta 'La casa de la abuela'
Imaxe da curta 'La casa de la abuela' / DUVI

Ashling Ocampo, titulada en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, alzouse co primeiro premio do IV Concurso A Canteira-Augal grazas á súa curtametraxe 'La casa de la abuela'.

A peza audiovisual narra a historia dunha moza con síndrome de down que decide, na festa da súa 18 aniversarios, sacar o carné de conducir.

O curto, realizado como Traballo de Fin de Grao, foi o gañador do oito que optaban nesta edición a un premio de 500 euros. O xurado destacou del o seu carácter intimista e o coidado estético.

Ocampo recibiu "con moitísimo orgullo" o fallo do xurado e suma xa o seu segundo galardón despois de recibir o primeiro premio do concurso 'Fas Curtas', do Ourense Film Festival (OUFF).

Agora, a titulada espera poder levar esta curtametraxe a diferentes festivais e tratará de que teña "un percorrido maior no ámbito máis educativo e social".

Xunto a 'La casa de la abuela', nesta décimo cuarta edición de Augal foron seleccionados os curtos 'Dúas señoras', de Luján Monteiro e Iria Soutullo; 'Gralla', de Rebeca Tella e Daniel Filloy; 'O porco', de Hugo R. Morgado; 'Alma', de Iria Diéguez e Isabel Fariña; 'Áncora'; de Miguel R. Berride; 'Cinexin', de Luján Monteiro, e 'Todo dicho', de Nel González.

Equipo responsable de 'La casa de la abuela'
Equipo responsable de 'La casa de la abuela' DUVI

O xurado, composto pola axudante de dirección Bibiana Juanes; a exalumna e guionista Sara Varela; o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización Crea, Fon Cortizo; o profesor invitado Miguel Gómez Abad; o codirector desta máster class, Paulino Pérez, e o codirector de Augal, Miguel Anxo Fernández, destacou a calidade de todos os traballos.