Emilio del Río recibiu en 2024 o Premio Acción Cívica en defensa das humanidades e conta coa Cruz de Alfonso X el Sabio polos seus méritos en educación, ciencia, cultura, docencia e investigación; é Premio Nacional da Sociedad Española de Estudos Latinos e da Sociedade Española de Estudios Clásicos.
Autor do podcast 'Locos por los clásicos', leva máis dunha década encargándose da sección de latín e cultura clásica 'Verba Volant' no programa 'No es un día cualquiera' de RNE. 'Carpe Diem. Autoayúdate con los clásicos' é o quinto libro que publica despois de 'Pequeña historia de la mitología clásica', 'Locos por los clásicos', 'Calamares a la romana' e 'Latín Lovers'.
Nun momento como o presente no que os títulos de autoaxuda proliferan exponencialmente con fórmulas que en casos soan a novidade, este filólogo e divulgador presenta "unha defensa contra tantos manuais de trapelo de feira". Un libro que quixo que resulte "moi práctico" para axudar aos lectores a "buscar sempre o lado positivo da vida".
Como lembra na charla que mantemos con el no podcast 'Cara a cara': "os clásicos escribían autoaxuda da boa" en lugar de - como é frecuente agora -, dar solucións fáciles a problemas complexos. "Igual que nos adestramos fisicamente, para estar ben emocionalmente hai que adestrar e para iso hai que saber os exercicios, que é o que conto neste libro".
'Carpe Diem' está escrito en algo máis de corenta capítulos que poden lerse sen orde establecida. Como afrontar a vellez, durmir ben para vivir mellor, o diñeiro non quita a felicidade, toma un respiro e aprende a desconectar, o poder dos hábitos, vivir é combater, todo cambia, como afrontar a morte, o poder do perdón, defender a alegría, a necesidade de ter obxectivos..., teñen as súas referencias nos pensadores clásicos e tamén as anécdotas persoais do autor.
"Debemos adaptarnos ás circunstancias que o azar coloque no noso camiño" deixou escrito Séneca nas súas 'Cartas a Lucilio', aínda que séculos despois un tal Bruce Lee revisouna e popularizou con aquel 'Be water my friend'. E Ovidio xa se adiantou ao que agora se describe como resiliencia: 'A pinga perfora a pedra, non pola forza, senón por caer sen parar', dicía.
Os clásicos preconizaban a bondade como forma de vida. Algo que pode soar a inxenuo ou a enaltecemento do 'buenismo'. Del Río aclara o concepto: "a bondade non é debilidade nin pór sempre a meixela. É buscar valores, principios como a cooperación, a amizade, a solidariedade, pero tamén enfrontarse á adversidade e defenderse da maldade. A maldade existiu e existirá e a humindad chegou até aquí grazas á bondade non á maldade".
A vida moderna ten as mesmas premisas que a clásica e aqueles pensadores xa deron as súas respostas a estas grandes preguntas.