A concelleira de Cultura, Carme Fouces, desprazouse esta semana ata a Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil (FILIJ) de Cidade de México e, de paso, mantivo reunións de traballo co Centro Cultural de España en México co fin de crear un programa de actividades conxunto para o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra 2018.
O encontro de traballo tamén avanzou en establecer futuras propostas de interrelación entre escolas de Pontevedra e centros de Oaxaca e Cidade de México partindo do libro e a lectura.
Na súa intervención na feira mexicana, Fouces destacou o papel do salón pontevedrés coma un proxecto clave para traballar coa infancia durante todo o ano, que na próxima edición ten unha forte proxección internacional con México como país convidado.
O FILIJ é dos eventos de literatura infantil e xuvenil máis importantes e concorridos de Latinoamérica e cada día recibe máis de 40.000 visitantes. Neste contexto, e durante a súa intervención, Fouces tamén relatou que Pontevedra é unha cidade amiga da infancia, na que os nenos ocupan as rúas e prazas de Pontevedra con pleno dereito.
A concelleira falou do modelo Pontevedra e a súa relación coa infancia, un proxecto que escoita e dá importancia ás reivindicacións das crianzas en canto ás necesidades do seu ámbito vital.
A actividade foi organizada polo Ministerio de Cultura Mexicano en coordinación coa Cámara Nacional de la Industria Editorial Mexicana (CANIEM) e, segundo indicou o Concello, o modelo urbano de Pontevedra despertou un gran interese do público, principalmente do sector editorial e de institucións públicas e privadas do país.