Carmen Babiano, primeira protagonista da segunda colección de 'Aquí faltan páxinas'

Pontevedra
28 de febreiro 2024

O Museo de Pontevedra acollía este martes a primeira acción cun faladoiro a cargo de Beatriz de San Ildefonso, destacando a actividade da pontevedresa pioneira na arte feminina de finais do século XIX

A deputada Sandra Bastos intervén en 'Aquí faltan páxinas'
A deputada Sandra Bastos intervén en 'Aquí faltan páxinas' / Deputación de Pontevedra

Carmen Babiano Méndez-Núñez, coñecida como "a artista na gaiola", foi unha pontevedresa pioneira na arte feminina de finais do século XIX. 

Beatriz de San Ildefonso, conservadora do Museo de Pontevedra, foi a encargada de relatar a historia desta muller pintora, nai das coñecidas irmás Mendoza. Esta muller coñecía varios idiomas e contaba cunha ampla formación musical. Ao casar en 1882 con Víctor Mendoza, médico que chegou a ser alcalde de Pontevedra, Carmen Babiano retirouse do ámbito público e dedicou o seu tempo de pintura ao ámbito íntimo.

O Museo de Pontevedra garda máis de 130 obras da artista, entre as que se atopan algunhas que tiveron unha importante repercusión na época. O Palacete das Mendoza converteuse, durante a súa residencia neste espazo que hoxe en día é sede de Turismo Rías Baixas, nun centro dinamizador da cultura da época.

Esta primeira conferencia forma parte da segunda colección de 'Aquí faltan páxinas', un programa que durante este 2024 analizará as figuras de grandes mulleres vencelladas á provincia e que tiveron relevancia na historia, segundo explicaba Sandra Bastos, deputada provincial de Igualdade.

A Deputación de Pontevedra manifesta que existe un "firme compromiso" por parte do goberno provincial coa igualdade e, por este motivo, "quixemos avanzar e dar pasos cara adiante e mellorar", explicaba Bastos, afirmando que por primeira vez participa unha muller en vida como a fotógrafa Mary Quintero, coa intención de poñer en valor historias de mulleres anónimas, destacando o espírito colectivo de grupos como as leiteiras de Pontevedra ou as madriñas de San Simón.

Ademais de Carmen Babiano tratarase tamén a vida doutra pintora como Mercedes Ruibal; a escritora Avelina Valladares; a música María Pardo Trapote; ou loitadoras como María Araújo, Urania Mella ou Praceres Casteláns. No terreo da ciencia tratarase a vida de Inmaculada Paz Andrade; e no apartado histórico a relevancia da raíña Urraca I "A Temeraria". 

Esta edición chega marcada pola polémica despois de que catro relatoras denunciasen que foron excluídas do proxecto por causas políticas, despois de manifestaren o seu apoio a Ana Pontón (BNG) nas eleccións do 18-F ao Parlamento de Galicia.

Foron a escritora Montse Fajardo; a deputada nacionalista Mercedes Queixas; a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas; e a ex delegada provincial de Cultura no bipartito da Xunta, María Xesús López Escudeiro.

Arquivado en