Carmela Silva aplaude que a Xunta "copie esta gran idea de promoción" que é o #RíasBaixasFests

Pontevedra
15 de xuño 2018

Os xardíns do Palacete das  Mendoza acolleron este venres a presentación dos #RíasBaixasFests, a marca que engloba sete festivais musicais que se celebran entre os meses de xullo e agosto na provincia de Pontevedra. "Se alguén non ten isto na súa axenda non sabe o que é ser feliz. Vivimos no paraíso", dixo a presidenta da Deputación

Presentación dos #RíasBaixasFests
Presentación dos #RíasBaixasFests / Mónica Patxot

Os xardíns do Palacete das Mendoza acolleron este venres a presentación dos #RíasBaixasFests, a marca que engloba sete festivais musicais que se celebran entre os meses de xullo e agosto na provincia de Pontevedra. "Se alguén non ten isto na súa axenda non sabe o que é ser feliz. Vivimos no paraíso", dixo a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Son o PortAmérica de Caldas, o Atlantic Fest da Illa, o SonRías de Bueu, o Sinsal da Illa de San Simón, As Revenidas de Vilaxoán, O Marisquiño de Vigo e o ViveNigrán de Nigrán.

Acompañaron á presidenta provincial representantes de todos os concellos que acollen estes festivais, o director do Clúster de Turismo de Galicia, o presidente da Fundación Amigos do Camiño Portugués e tamén a directora do CIFP Carlos Oroza.

Carmela Silva lembrou que se cumpren tres anos desde que "persoas con talento e compromiso coa provincia de Pontevedra" propuxeron á Deputación que "tiñamos que presentar volos nosos festivais baixo unha marca". Á vista do resultado, Carmela Silva ten claro que "foi unha idea de éxito e tivemos a sensibilidade de patrocinalo".

Os #RíasBaixasFests son unha mostra de que "a música é unha industria cunha alta capacidade de crear emprego de calidade" polo que esta aposta "é unha obrigación da Deputación" apuntou Carmela Silva.

Neste sentido a presidenta provincial saudou que "a Xunta entendese que apostar pola industria musical é fundamental" e que "copiase" esta iniciativa creando unha segunda marca distintiva dos festivais galegos, bautizada como #FestGalicia. Esa é a marca á que están adheridos unha decena de eventos musicais, a maioría xa están dentro do #RíasBaixasFests.

"Aplaudo que outras administracións como a Xunta copie esta gran idea de promoción", afirmou Silva.

En representación de todos os festivais, Carlos Domínguez "Pity", director do Marisquiño sinalou que "os #RíasBaixasFests serven para que o público volva, convertemos ás Rías Baixas nun destino envexable", lembrando que estas citas reuniron o ano pasado a 200.000 persoas.

Nesta presentación tamén se destacou o compromiso dos festivais cos valores da igualdade e tamén sustentabilidade, creando conciencia de que temos que coidar o noso territorio e cambiar os nosos hábitos de consumo.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, indicou que para o seu municipio o Port América "é un fenómeno económico e social que nos coloca na elite da cultura" e remarcou que "as vilas para ter valor deben estar singularizadas".

Igualmente, Carlos Iglesias, alcalde da Illa de Arousa coincidiu en que "para o noso concello é tremendamente importante contar co Atlantic Fest que crece cada ano a ritmo de vertixe".

Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, dixo "estou seguro de que neste segundo ano de ViveNigran seremos moito máis fortes ".

O concelleiro de Bueu, Martín Villanueva, recomendou que a todos os organizadores destes eventos musicais que "debemos adquirir unha dimensión global para non competir entre nós" e comentou que "o verán sen o Son Rías Baixas non se entende en Bueu".

O concelleiro vigués, Santos Héctor, referiuse a O Marisquiño como "un festival moi consolidado" destacando o compromiso da cidade olívica coa cultura e os deportes urbanos.

A concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, destacou que "a marca nos axuda a visibilizarnos por todo o mundo. As Revenidas só se pode facer en Vilaxoán e queremos seguir rompendo récords de asistencia".

Como era obrigado o acto contou con música en directo, a cargo do Combo Jazz do Conservatorio Mayeusis, e concluíu cun aperitivo, seguindo a aposta dos festivais pola boa gastronomía local.