O #LAB de Novos Cinemas, o programa de orientación para realizadores noveis que se organiza no marco do festival internacional de cine de Pontevedra, xa ten asesores para a edición que se desenvolverá entre os días 11 e 16 de decembro.
Así, Carlos Quintela, Felipe Lage, Diana Santamaría e Mercedes Martínez Abarca serán os profesionais que achegarán o seu punto de vista e experiencia e axudarán aos creadores e creadoras a sacarlle o máximo rendemento aos seus proxectos.
O cubano Carlos Quintela é un cineasta responsable de varias curtametraxes experimentais e longametraxe La Piscina, que lle valeu varios premios en festivais internacionais. O seu estilo narrativo está influenciado polos cinemas asiático e europeo.
Felipe Lage é o director de Zeitun Films e dende o ano 2009 e ten participado na produción de longametraxes como Todos vós sodes capitáns (Oliver Laxe, 2010), Arraianos (Eloy Enciso, 2012), O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, 2013), Costa da Morte (Lois Patiño, 2013), Pozoamargo (Enrique Rivero, 2015) e Mimosas (Oliver Laxe, 2016).
Diana Santamaría é a fundadora da distribuidora Capricci Cinema. Especialista en cinema francés e inspirada polo legado de Henri Langlois, distribuíu en España películas contemporáneas de autor e películas de patrimonio de cineastas da talla de Serge Bozon, Albert Serra, Aleksei German, Apichatpong Weerasethakul, Serguéi Paradzhánov ou Ado Arrietta, entre outros.
Pola súa banda, Mercedes Martínez Abarca traballa desde o ano 2009 no International Film Festival Rotterdam, onde actualmente é asesora de programación. Durante cinco anos coordinou o Holland Filme Meeting Co-Production Platform (Nederlands Film Festival, Utrecht). Ademais traballou para a distribuidora internacional Fortissimo Films e colaborou en diversos festivais e mercados de coprodución.
A convocatoria para participar nos tres días de #LAB -13, 14 e 15 de decembro- está aberta a cineastas de calquera parte do mundo, a condición de que o proxecto co que se presenten, en calquera das súas fases de desenvolvemento, supoña a súa primeira ou segunda película.
A data límite para a presentación de solicitudes é o 25 de setembro.