Carlos Núñez presentou este xoves o seu próximo concerto en Pontevedra, incluído na súa xira internacional 'Celtic Sea. A Travesía', que se celebrará no Pazo da Cultura o sábado 21 de decembro a partir das 21.00 horas.
O músico vigués levou o seu último proxecto a lugares emblemáticos como a catedral St. Patrick's de Dublín, o Glasgow National Concert Hall, ao Festival Interceltique de Lorient, a illa de Tatihou en Normandía ou o Kaufman Music Center de Nova York.
En rolda de prensa, Carlos Núñez explicou que este último disco é un traballo de mestizaxe musical, no que colaborou coa compañía Brittany Ferries para conmemorar o seu medio século de "unha historia que comezou cando os agricultores da Bretaña quixeron levar os seus produtos a máis países" e, "así, uníronse por mar Francia, Irlanda, Inglaterra e ata España e compartiron cultura e música".
Esa cultura e esas tradicións xa se perderon en moitos lugares de Europa "pero aquí todo iso está vivo, e ademais temos grandes profesionais, grandes científicos, artistas e estamos todos facendo equipo", por iso, "creo que Galicia ten algo marabilloso que ofrecer ao mundo", conclúe.
Segundo asegurou, o do Pazo da Cultura será "algo máis que un concerto, unha creación" e neste espectáculo Carlos Núñez estará acompañado polo Coro e a aula de Música Tradicional do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
A aula de música tradicional creouse no ano 2016 co obxectivo de proporcionar tanto á comunidade universitaria como á cidadanía un espazo no que iniciarse ou perfeccionar o manexo de diferentes instrumentos tradicionais. Dirixida polo músico Suso Vaamonde, esta aula está integrada a día de hoxe por 40 persoas de diferentes idades e xa realizara no ano 2021 unha primeira colaboración nun concerto de Carlos Núñez.
Naquela ocasión, lembrou hoxe Luis Torres, a aula subirase ao escenario para interpretar unha única peza, máis nesta ocasión "imos tocar seis", o que supón un salto "exponencial", sinalou. Ademais, á participación da aula sumarase tamén a das e dos integrantes do obradoiro de baile tardicional galego, dirixido pola integrante de Leilía, Montse Rivera e que conta a día de hoxe con 30 participantes.
Ademais, o concerto deste sábado contará tamén coa participación do Coro Polifónico do Campus, unha formación integrada por 34 persoas de diferentes idades e dirixida por Luisa Sánchez, que este luns protagonizaba un Concerto de Nadal na Biblioteca Pública de Pontevedra.