Cantos na Maré volve a Pontevedra cunha edición en torno a poesía para despedir o ano rosaliano

Pontevedra
30 de novembro 2013

Será o próximo 11 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os seus organizadores quixeron remarcar a calidade desta nova edición, que xuntará a artistas de Galicia, Portugal, Cabo Verde e do Brasil. As composicións de Rosalía de Castro, xunto as de autores como Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Fernando Pessoa, tornarán a música en versións únicas e irrepetibles, froito do traballo conxunto dos artistas na semana previa ao concerto

Presentación da XI edición de Cantos na Maré no marco do Culturgal
Presentación da XI edición de Cantos na Maré no marco do Culturgal / Cantos na Maré

A undécima edición do Festival Cantos na Maré promete ser unha das máis coidadas e intimistas da súa historia. A nova cita co Festival Internacional da Lusofonía será o próximo 11 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra e, nesta ocasión, estará dedicada á poesía como peche musical do ano rosaliano. Así se desvelou este sábado na súa presentación no marco do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia.

Os seus organizadores quixeron remarcar a calidade desta nova edición, que xuntará a artistas de Galicia, Portugal, Cabo Verde e do Brasil. Con todo, non desvelaron aínda os nomes que compoñen o cartel deste ano. As composicións de Rosalía de Castro, xunto as de autores como Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Fernando Pessoa, tornarán a música en versións únicas e irrepetibles, froito do traballo conxunto dos artistas na semana previa ao concerto.

Como explicou Uxía, a directora artística do proxecto, "outras voces doutros lugares cantaranlle a Rosalía e como sucede sempre en Cantos na Maré esa convivencia favorece que artistas de todos os recunchos do mundo da lusofonía descubran que aquí naceu a súa lingua e recoñezan a Galicia como unha irmá pequena".

Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, afirmou que Cantos na Maré, "é un proxecto moi querido non só en Pontevedra, senón en toda Galicia, que para nós supón un comezo do ano maravilloso e nos dá folgos para levar adiante toda a programación cultural da cidade". Tamén o director da Agadic, Jacobo Sutil, quixo remarcar o valor do festival como "ponte entre as culturas da lusofonía" e destacou "esa relación de complicidade que se establece co seu público fiel e que se percibe dende o escenario ao patio de butacas".

CONEXIÿN COA CIDADE

Ao longo da semana na que se desenvolverá o festival, Cantos na Maré estenderá os seus tentáculos a diferentes espazos de Pontevedra, coa proposta de varias actividades organizadas xunto con institucións cun importante peso no espazo urbano, como a Universidade de Vigo.

Dirixido a universitarios, músicos e artistas plásticos, levarase a cabo un lab-taller con diferentes músicos galegos que interpretaron os textos de Rosalía de Castro. Os participantes terán a oportunidade de desentrañar con eles o proceso creativo dunhas interesantes obras nas que dialogan literatura, música, fotografía e ilustración.

Tamén en torno á figura de Rosalía de Castro, así como doutros poetas, celebrarase unha charla musicada a cargo dun dos artistas que máis traballou cos seus poemas. E os estudantes de primaria e secundaria terán a oportunidade de asistir a unha demostración didáctica cun dos músicos convidados a Cantos na Maré 2014. Será unha experiencia vibrante onde coñecer os diferentes instrumentos e ritmos deste evento.

Ademais, durante os ensaios do concerto desenvolverase unha sesión práctica de son, iluminación, produción técnica e estruturas, impartida por profesionais experimentados nestas materias e dirixida a estudantes das escolas de imaxe e son de Galicia.

ENTRADAS A PREZO REDUCIDO

A xente acode a Cantos na Maré porque "sabe que é unha oportunidade única para experimentar e descubrir novos talentos colaborando con músicos consagrados", destacouse na presentación. E para agradecer esa confianza, a organización adiantou a posta a venda dun pack de 100 entradas a prezo reducido.

Estas entradas poderán mercarse, como é habitual, a través de www.servinova.com e o teléfono 902 504 500, ao prezo de 15 euros dende hoxe ata o vindeiro 10 de decembro, data na que se darán a coñecer os nomes dos artistas deste ano. A partir dese momento a entrada pasará a custar 28 euros.