Cantos na Maré regresa con "forzas renovadas" e con Thaïs Morell, Karyna Gomes, Uxía, Narf e Jorge Palma

Pontevedra
15 de decembro 2015

Despois dun ano de descanso, tempo que os seus organizadores utilizou para "reflexionar, repensar o proxecto e tomar folgos", como recoñecen eles mesmos, Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, regresa a Pontevedra. Tal e como se avanzou no pasado Culturgal, o Pazo da Cultura acollerá o próximo 16 de xaneiro unha nova edición dun evento cultural que segundo Uxía Senlle, a súa directora musical, regresa con "forzas renovadas"

Video promocional da edición de 2016 do festival Cantos na Maré / Festival Cantos na Maré

Despois dun ano de descanso, tempo que os seus organizadores utilizou para "reflexionar, repensar o proxecto e tomar folgos", como recoñecen eles mesmos, Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, regresa a Pontevedra. Tal e como se avanzou no pasado Culturgal, o Pazo da Cultura acollerá o próximo 16 de xaneiro unha nova edición dun evento cultural que segundo Uxía Senlle, a súa directora musical, regresa con "forzas renovadas".

Durante a rolda de prensa de presentación do festival, celebrada este martes no Concello de Pontevedra, confirmouse que no Pazo da Cultura estarán dous grandes descubrimentos musicais, a brasileira Thaïs Morell e a africana de Guinea Bissau Karyna Gomes, ademais de dous músicos galegos de recoñecida traxectoria, Uxía e Narf. Xunto a eles estará tamén Jorge Palma, un dos alicerces da música rock portuguesa.

"Volvemos á nosa casa, Pontevedra, para asentar os valores do proxecto, as relacións de ida e volta que se teñen establecido cos diferentes territorios que están presentes no festival", destacou o produtor de Nordesía -responsables do festival-, Vítor Belho, que avanzou que a organización traballa para incorporar ao cartel a un invitado de gran repercusión internacional que se logran pechalo "será un soño que estea aquí", afirmou Uxía.

Uxía foi a encargada de presentar aos diferentes artistas desta edición, dos que salientou que "cada ano supón unha nova ilusión poder mesturar artistas consagrados con novos descubrimentos e que os días de convivencia sirvan para que autores tan singulares creen xuntos".

Falou de Jorge Palma como un autor de culto, gran pianista, guitarrista e orquestrador, cunha morea de discos ás costas, moi coñecidos polo gran público. "É unha das figuras máis importantes da música portuguesa de todos os tempos, que marcou toda unha xeración e mesmo integrou o grupo Rio Grande con outros grandes nomes de Portugal, como Rui Veloso, que tamén estivo en Cantos na Maré", resumiu.

De Thaïs Morell destacou a súa formación nunha das escolas de música máis prestixiosas do mundo, a Sibelius en Finlandia, que logo viviu en Ghana tomando contacto coa música africana, para finalmente establecerse en Valencia. "É unha creadora única, moi orixinal, unha compositora brillante e unha guitarrista excepcional, que vai presentar aquí o seu novo disco, Amaralina, unha xoia".

Definiu a Karyna Gomes como a gran revelación da música da África lusófona, cun primeiro disco, Mindjer, producido polo director musical de Cantos na Maré, Paulo Borges, que tivo un grande éxito de crítica e público. "Investigadora da música de raíz do seu país, Guinea Bissau, de seguro vai sorprender ao público", valorou.

Por último, falou da súa colaboración con Fran Pérez Narf. "Imos presentar as Baladas da Galiza imaxinaria, que son aquelas que están no corazón das persoas que temos espalladas polo mundo, sexan ou non de orixe galega", explicou. En formato dúo, reúnen as músicas máis representativas de cada un deles nun traballo en común.

As entradas para asistir ao festival Cantos na Maré, que teñen un prezo que oscila entre os 20 e os 25 euros segundo a zona do Pazo na que se queira sentar un, pódense adquirir a través de www.ataquilla.com.