En ocasións, os lectores xulgamos os libros polas súas portadas. Ou buscamos o novo título do noso autor ou autora favorita. Ás veces, mesmo nos deixamos seducir por unha sinopse ben elaborada. Pero que pasaría se todo iso desaparece? Se apenas temos referencias do libro que imos comprar. Se nos propoñen unha 'cita a cegas' cunha novela.
Novela romántica clásica (1867)
Autor colombiano
Mozos namorados con tráxico final
Esas son as pistas que se esconden detrás dun dos cincuenta libros que a Librería Cao incluíu nesta peculiar iniciativa. Son exemplares únicos -son títulos xa descatalogados- que os lectores poderán levar a casa por cinco euros se se animan a participar neste xogo.
A idea foi de Laura Carrasco, responsable deste histórico establecemento desde hai nove anos. "Eu isto vino nunha librería en Londres, na que vivín moitos anos, e cando vin para aquí tiña claro que quería facer algo así", explica a PontevedraViva.
Hai tres anos, a primeira vez que impulsou esta actividade, "funcionou súper ben", asegura a libreira, que destaca que "merece a pena" a pesar de inxente traballo que lle supón "ter que mirar un por un" cada un dos libros que inclúe nesta 'cita a cegas'.
"Moitas veces xulgados un libro pola portada, algo que non se debería facer", afirma Carrasco, xa que hai títulos "moi bos" nos que o deseño do seu envolvente exterior "non se coidou nada" nas súas editoriais ou que coa súa sinopse "non te decatas de nada".
Por iso, desde a Librería Cao "o que facemos é entender de que vai o libro e ao mesmo tempo tampouco xulgalo, xogando un pouco con todo iso e dándolle un pouco de misterio", de forma que os clientes "se deixen levar" por esta experiencia.
Cada un dos exemplares, que están envolvidos en papel marrón que impide ver que hai dentro do paquete, está acompañado de pistas. "O xénero vai fixo porque se por exemplo non che gusta o terror loxicamente non che vai a gustar", subliña Laura.
Ademais, ofrécense "tres ou catro pinceladas" sobre o argumento das novelas e a orixe do seu autor ou autora "porque ás veces dependendo de como escriba cada un ou as referencias que utilizan dentro do seu libro axuda ao lector para colocarse ou non dentro da historia".
Os libros véndense a cinco euros "porque se cha vas a xogar tampouco é moito diñeiro e se non che gusta a ti podes regalalo", explica a propietaria da librería, que confía en que esta pequena selección de libros non tarden en esgotarse porque "sempre voan".
María foi unha das primeiras aventureiras que se atreveron a probar esta 'cita a cegas' coa lectura que propón a Librería Cao. "Vino en redes sociais e quixen darlle unha sorpresa ao meu marido", sostén mentres paga as dúas novelas que decidiu levar.
"Parece mentira pero no mesmo día vou con dúas citas", bromea esta pontevedresa, que espera que esta iniciativa "vaia ben e se repita con máis asiduidade". Debaixo do brazo marcha con dous títulos de suspense, un xénero "que nos gusta bastante" e co que ían "a tiro fixo".