A actriz Candela Peña compartirá dous días co público pontevedrés para falar da serie 'El caso Asunta'.
O venres 17 de xaneiro, ás 18:00 horas, proxectaranse 3 episodios desta serie no Auditorio do Pazo da Cultura e despois a protagonista ofrecerá unha charla acompañada polas persoas que a axudaron a crear o personaxe de Rosario Porto: maquilladora, perruqueira, 'coach' de galego… debullando o proceso de transformación.
Ao día seguinte, o sábado 18 no Auditorio pero ás 16:00 horas, poderanse ver os 3 episodios finais e despois comentalos coa propia Candela Peña e outros membros do equipo, que falarán sobre como trasladaron á pantalla o suceso que conmocionou a todo o país e sobre as catro figuras ás que opta a serie nos Feroz 2025.
Estas dúas citas están enmarcadas na recta final das actividades previas á gala dos Premios Feroz 2025, que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra.
Sen os nervios da cerimonia e con proximidade ao público pontevedrés, visitarán a Boa Vila novos nomeados das series e películas candidatas.
O primeiro do ano será Javi Giner, guionista, director e produtor executivo de 'Yo, adicto', unha historia honesta e conmovedora baseada no seu libro homónimo, con 4 nomeamentos aos Feroz 2025.
O venres 10 de xaneiro ás 19:00 no Teatro Principal proxectaranse tres capítulos da serie e despois terá lugar o coloquio entre Giner e os asistentes.
O martes 14 Mar Coll presentará 'Salve María', película candidata a 4 feroces e que xa foi premiada na Seminci 2024 (Mellor actriz para a súa protagonista, Laura Weissmahr) e no Festival de Locarno (Mención especial).
A charla coa directora e guionista será no Teatro Principal tras ver o filme ás 19:00 horas.
A gala dos Premios Feroz 2025 celebrarase o sábado 25 de xaneiro en Pontevedra.
En total entregaranse 21 galardóns: once de cinema, sete de series, os dous Premios Feroz Arrebato e o Premio Feroz Audi de Honra que este ano recibirá o cineasta Jaime Chávarri.
A alfombra vermella e a gala retransmitiranse en directo desde a canle de Youtube dos Premios Feroz.