Pontevedra converterase no epicentro cultural galego entre o 29 de novembro e o 1 de decembro no Recinto Feiral do Pazo da Cultura coa celebración do Culturgal 2024, unha edición que promete sorprender cunha programación diversa e intensa, segundo anunciou Camilo Franco, director do evento.
Máis de 200 actividades artellan un programa que reflicte a pluralidade da cultura galega actual, cunha forte aposta por disciplinas como o teatro, a música, a literatura, o cinema, o circo e a danza. Entre as propostas destacan:
Teatro: 12 representacións, incluíndo a montaxe de Chévere e o adianto do novo espectáculo de Ibuprofeno Teatro, centrada na reconversión naval en Vigo.
Música: 10 concertos, entre os que sobresae o da banda Xangai, acompañado dun grupo punk de Pontevedra, para ofrecer unha experiencia única.
Cine: 10 proxeccións de películas de 2023 e o adianto de 7 títulos que se estrearán en 2025.
Danza e artes performativas: 17 actividades que inclúen espectáculos innovadores.
Videoxogos: Unha área dedicada a xogos desenvolvidos en Galicia, con actividades que repasan a historia deste sector no país.
Divulgación e gastronomía: 8 actividades de carácter cultural e gastronómico.
Camilo Franco manifestou que a intención é "recoller a idea do que era unha feira en Galicia" onde a xente ía mercar unha camiseta e remataba escoitando un concerto ou vendo unha obra de teatro.
Destacou a estrea de Chévere, a compañía icónica galega, que presentará a súa última creación, Ultranoite Cultureta, o sábado 30 de novembro ás 21:00 no Auditorio.
Con dirección de Xesús Ron e un elenco encabezado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, este espectáculo combina humor, crítica social e música en directo, nunha noite que promete ser un dos pratos fortes do festival facendo autocrítica sobre a cultura galega. As entradas están dispoñibles desde 22 euros.
O venres 29 de novembro ás 12:30 no Auditorio, Magín Blanco e Ghazafellos traerán a cuarta entrega do seu musical infantil A nena e o grilo, o camiño das cores, na xira final deste espectáculo que mestura cancións, historias e valores para os máis pequenos, consolidándose como unha das propostas máis esperadas para público familiar.
Camilo Franco tamén destacou a actividade prevista para o venres pola noite, ás 21:00 no Auditorio, coa presentación do documental BRAVÚ XXX.
Esta proxección abrirá paso a un concerto enérxico da Banda Xangai, acompañada por Rager. Esta sesión, que celebra o movemento bravú e a música galega, será gratuíta coa entrada xeral de Culturgal.
A recuperación da tradición das pandereteiras con obradoiros participativos será outro dos eventos principais desta edición coa proposta 'Vén e baila', unha convocatoria aberta a todo o público para que participe do baile popular guiada por Artur Puga coa intervención de gaiteiros e pandereteiras.
Tamén está previsto un acto final denominado 'Somos pandereteiras', promovido pola Real Academia Galega coa intervención de María Reimóndez, Ana Romaní e Mercedes Peón, entre outras relatoras, e a música de Bouba Pandereteiras.
Entre as novidades técnicas, inclúense actividades "silenciosas", onde o público poderá escoitar determinados eventos mediante cascos para obter unha experiencia máis íntima.
O obxectivo desta edición é atraer novos públicos á cultura galega e garantir que calquera persoa que visite o recinto feiral atope unha actividade ao seu gusto, segundo indicaba o director desta edición.
A filosofía é "non parar", explicaba Camilo franco, reflectindo o desexo de converter o evento nunha auténtica festa cultural, cunha programación continua e espazos deseñados para maximizar a interacción.
Ademais, Culturgal contará coa presenza do primeiro encontro de máis de vinte clubs de lectura, que celebrarán por primeira vez unha actividade propia dentro da programación.
As entradas, a prezos populares, están dispoñibles en liña, con opcións de bonos para facilitar a participación.
Con esta edición, Culturgal reafirma o seu compromiso de ser un "espello da riqueza cultural galega", ofrecendo un espazo onde tradición e innovación convivan para atraer a públicos de todas as idades.
Toda a programación de Culturgal 2024 pode consultarse nesta ligazón.