Tras unha xira que percorreu salas galegas e portuguesas, a banda viguesa Caramada Nimoy regresa a Pontevedra. Faino cun concerto que acollerá a Sala Karma o vindeiro sábado 22 de febreiro. Será a partir das 22.00 horas. As súas frecuencias sonoras fundidas coa proposta visual da banda levarannos de viaxe desde Pontevedra ata unha república ideal fundada na galaxia exterior, facendo deste concerto unha experiencia inolvidable
Camarada Nimoy, que está reeditando o seu primeiro vinilo, xurdiu en 2012 da necesidade expresiva dos seus integrantes Pablo Muñiz (baixo), Gontxu Muiños (guitarra eléctrica), Diego de Luis (batería) e Paulo Pascual (guitarra eléctrica e theremin), que se materializou a modo de frecuencias sonoras utilizando a linguaxe musical e os recursos que coñecían. Unha proposta instrumental que funciona como banda sonora das imaxes que proxectan en cada concerto.
"Cando arrancamos sabiamos que a nosa é unha proposta arriscada, noutros xeneros está xa asimilada a autonomía da música sen unha voz solista, no jazz, no swing, no surf pero no rock ata agora non tanto, pero funciona perfectamente", aseguran desde o grupo. O vinilo presentouse nun concerto conxunto en Santiago con Unicornibot "e falamos da impresionante acollida do publico nun concerto de dous grupos totalmente instrumentais. Ver a xente como o pasaba de medo foi como unha confirmación".
O uso do theremin, as guitarras surf horror, harmonías balcánicas mesturadas con lounge ou space age pop forman parte dun cóctel que serven dun xeito espontáneo, e natural. Camarada Nimoy é a reunión de catro músicos (o quinto membro é Jesús Tejada, ao mando dos disparos visuais) cun obxectivo: levantar unha proposta propia que se alimenta da música lounge pero tamén do surf terror. Sen poñer coutos ás posibilidades sonoras, pero coa idea de seren recoñecibles.
Co vinilo vermello editado en setembro esgotado, cun directo que percorreu Galicia e Portugal e cun primeiro video clip gravado no verán na viguesa praia dos Olmos co tema A fantástica bici do Dr. Hoffman e un segundo a piques de estrearse, Camarada Nimoy comeza 2014 coa reedición (en azul) do seu disco e preparando novas composicións e artefactos gravables.
A entrada para o concerto da Sala Karma ten un custo de cinco euros. Con cada unha delas entregarase un CD cos oito temas do primeiro disco de Camarada Nimoy.