O Concello de Poio súmase este venres 23 de febreiro á conmemoración día de Rosalía de Castro e da súa obra.
A concellería de Cultura acóllese á proposta feita desde a fundación que fomenta e difunde o culto á memoria da escritora, para celebrar a data do seu nacemento co "Caldo de Gloria", unha lectura colectiva da súa obra e a alborada de Rosalía.
O obxectivo, explica a edil Natalia Sabarís, é achegar á veciñanza a importancia da figura de Rosalía, a escritora galega máis universal.
E por iso, convida aos veciños a achegarse este venres, ás 12.00 horas ao Casal de Ferreirós. Alí farase a lectura colectiva do poema "Miña casiña meu lar", na que participarán representantes da corporación así como de varios colectivos locais.
Tras a lectura, todas as persoas participantes poderán degustar unha cunca de "Caldo de Gloria", unha iniciativa inspirada no poema, na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Un restaurante local será o encargado de elaborar ese "Caldo de Gloria".
Ademais, repartirase unha pequena escolma da obra de Rosalía de Castro. E xa para acabar, un gaiteiro da agrupación Vides Novas tocará a alborada de Rosalía polas rúas da contorna.