A vixésimo cuarta edición da mostra de arte pública Kaldarte inaugurouse este venres cun percorrido interpretativo polos espazos públicos de Caldas nos que están expostas as oito intervencións artísticas efémeras. Os autores confeccionáronas en diferentes formatos, desde murais, performances, accións de rúa, instalacións ou fotografía a través de soportes publicatarios.
"Trátase do evento de arte pública de carácter urbano máis lonxevo de España e prácticamente de Europa, e que mantén dende os inicios a esencia do seu espíritu pedagóxico e participativo. As obras están concebidas cunha lóxica de caducidade, co obxectivo de que os espazos urbáns poidan renovarse periódicamente" explicou o comisario, Juanjo Fuentes.
Á convocatoria deste ano presentáronse 68 proxectos, dos que foron seleccionadas 8 obras a cargo de máis dunha ducia de artistas aos que hai que engadir o alumnado do CPI Alfonso VII, que presentou unha das propostas seleccionadas, e outras persoas da vila que participaron na elaboración de diversas obras.
O contido das obras é diverso, desde un obradoiro con menores da vila no río Bermaña para concienciar sobre os problemas ambientais ideado pola neozelandesa Anna Borrie, ata unha perfomance de 24 horas da zaragozana Sandra Julve no lavadoiro termal de Caldas na que comparte os saberes transmitidos pola cidadanía a través dun ritual coreográfico de limpeza individual e colectiva.