Caldas organizará en agosto a edición número 24 do certame Kaldarte

Umia
24 de abril 2021

Xa está aberta a convocatoria para a presentación de proxectos para a 24 edición do Festival de Arte Público 'Kaldarte'. A concelleira de Cultura, María López, vén de anunciar esta nova entrega, que celebrarase entre o 2 e o 6 de agosto

Inauguración de Kaldarte 2020
Inauguración de Kaldarte 2020 / Concello de Caldas de Reis

Xa está aberta a convocatoria para a presentación de proxectos para a 24 edición do Festival de Arte Público 'Kaldarte'. A concelleira de Cultura, María López, vén de anunciar esta nova entrega, que celebrarase entre o 2 e o 6 de agosto.

As bases reguladoras do certame teñen como finalidade seleccionar os dous proxectos de intervención artística de carácter temporal ou efémero dos que un estará reservado aos estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

As intervencións poderanse ver en calquera espazo público da vila termal, así como en calquera outro espazo dispoñible a elección dos creadores.

Os artistas poderán presentarse de maneira individual ou colectiva, enviando as súas propostas ata o 10 de xullo.

Cada solicitude deberá incluír, ademais do currículo e datos persoais, varios bosquexos da intervención artística, o sistema de montaxe a empregar, as técnicas de produción e un orzamento estimativo detallando os materiais que se van utilizar.

A dotación aproximada en concepto de produción para cada proxecto seleccionado será de 500 euros. O produtor cederalle ao Concello os dereitos de explotación da obra, de distribución e comunicación pública.