Caldas celebra o 125 aniversario da Fábrica da Luz

Umia
14 de xaneiro 2025
Actualizado: 18:51

Haberá visitas teatralizadas e a edición dun libro divulgativo para a rapazada do que a Concellería de Cultura repartirá 1.000 exemplares entre os colexios

Manuel Farila diante da Fábrica da Luz
Manuel Farila diante da Fábrica da Luz /

O Concello de Caldas de Reis, da man da Concellería de Cultura, vai celebrar o 125 aniversario da Fábrica da Luz con visitas teatralizadas e a edición dun libro divulgativo sobre a vella central hidráulica para a rapazada.

Inicialmente, neste primeiro trimestre do ano, as visitas estarán dirixidas a escolares e despois ampliaranse para público adulto con diferentes funcións.

Segundo explica o tenente de alcalde e responsable de Cultura Manuel Fariña, a intención é a redescubrir o espazo "desta xoia do patrimonio caldense" de maneira diferente.

Por iso faranse visitas dramatizadas pola parcela que contarán a historia dos diferentes edificios, nas que tamén se percorrerá a canle-túnel que conducía a auga dende a parte de arriba da fervenza de Segade ata a propia central eléctrica onde estaba a sala de máquinas coas as turbinas.

A intención é que o público poida vivir en primeira persoa e de maneira interactiva e amena o avance que supuxo a central como acontecemento histórico.

Nos vindeiros días comezarán os contactos cos centros de ensino do municipio para que a rapazada sexa a primeira en acceder ás visitas teatralizadas. Os pases organizaranse e coordinaranse directamente dende o departamento municipal, que asignará días e horas. Unha vez rematen as citas escolares, nas seguintes semanas abrirase o espectáculo ao público adulto.

Como complemento a estas visitas dramatizadas, o Concello vén de editar un libro divulgativo destinado a público infantil. Nel explícase de maneira amena que a Fábrica da Luz de Caldas foi a primeira en producir enerxía en Galicia e iso fixo que dende a vila termal "saíse por vez primeira a luz que iluminaba casas e rúas de moitos lugares do país, ademais de ser fonte de progreso e desenvolvemento para o municipio, permitindo poñer en marcha moitas iniciativas".

Na publicación ponse de manifesto que a idea da central hidráulica xurdiu do enxeñeiro Laureano Salgado, chamado "o rei dos saltos de auga", quen tivo a idea de aproveitar o caudal do río para producir electricidade.

Subliña o nacionalista que o Concello quere poñer en valor entre públicos de todas as idades un patrimonio propio da vila que foi referente da industria do século pasado e pioneiro no estado. "Toda esta historia querémola dar a coñecer dende a Concellería de Cultura tamén no pequeno libro que as nenas e nenos de Caldas terán en breve nas súas mans para facer ver como grandes ideas poden cambiar o futuro", subliña Fariña.

O Concello repartirá en total 1.000 exemplares da publicación entre os colexios do municipio. De haber máis demanda, subliña Fariña, non se descarta facer unha nova edición.