O Concello de Pontevedra arrinca unha nova proposta, Cabos Soltos, un programa que nace co obxectivo de impulsar a escena creativa que emerxe en Pontevedra, coa intención de activar as salas e os locais de hostalería da cidade para que, ademais de ofrecer o servizo para o que está autorizados, apoien a creación local.
Durante tres días, do 21 ao 23 de marzo, celebrarase unha gran festa presentación na que participarán ao redor de 40 bandas e artistas en 25 establecementos hostaleiros. Será o arranque de Cabos Soltos, unha iniciativa que permitirá contar cun catálogo de locais abertos á cultura, outro de artistas cos seus proxectos e un boletín diario como ferramentas para mostrar o que se move na cidade.
A presentación de Cabos Soltos inclúe tamén unhas xornadas técnicas nas que se debaterán distintos aspectos relacionados coa produción musical a través de profesionais de gran prestixio. Desta forma, analizaranse como monetizar o traballo creativo, o cambio no modelo de negocio musical, criterios programáticos das salas e festivais para ofrecer música en directo ou os dereitos laborais dos artistas.
As xornadas desenvolveranse na Casa da Luz durante os días 21 e 22 de marzo. A entrada é libre pero é preciso inscribirse a través da web do Concello de Pontevedra.
O programa para estes días será:
XOVES 21
CASA DA LUZ / XORNADAS SOBRE A INDUSTRIA MUSICAL
1. A escena musical actual en Pontevedra. 10:30-12:00
Análise da situación da industria na cidade. Iniciativas, oportunidades e riscos, e desvantaxes.
Moderadora: Marisa Ciordia (xornalista de PontevedraViva)
Relatores: Carlos Crespo (Fugas, La Voz de Galicia), Gonzalo Maceiras (coordinador da Escola Estudo Bonobo e músico) e Anabel Gulías (Concelleira de Promoción Económica e Turismo)
2. Son músico, teño dereitos? O novo Estatuto do Artista. 12:30-14:00 horas
Moderadora: Herminia Martínez (coordinadora de Virando por Salas)
Relatores: Anxela Baltar (Bala), Manuel Alonso (xerente de Músicas ao Vivo), Carmen Zapata (xerente de ASACC-asociación de salas de concertos de Cataluña e portavoz da PLAM-Plataforma Estatal pola música)
3. Onde está o meu diñeiro? O marco económico actual e os novos modelos de monetización 16:30-18:00 horas.
O financiamento ás bandas depende, en gran medida, da capacidade que teñan de xerar ingresos. Como se paga nos festivais ás bandas noveis? É rendible o circuíto de salas? Cales son os novos modelos de xeración de ingresos?
Moderador: Juan Rivas (A 10planta, Ourense ICCWeek, Vive Nigrán)
Relatores: Ramón Rey García (Avogado especializado en Dereitos de Autor, Castelao Avogados), Miguel Martorell (director de Altafonte Spain) e Alberto Alfonso (director de Art- Music, FIV Vilalba)
4. The final countdown: morte irreversible do modelo de negocio 18:30-20:00 horas
O negocio musical cambiou. E fíxoo tan vertixinosamente no últimos vinte anos que debemos analizar se a industria evoluciona ao mesmo ritmo que as novas formas de consumo e as tendencias. Estamos preparados para o futuro inmediato?
Moderadora: Marta Gómez ( xornalista, directora de Zigzag diario)
Relatores: Paula Rego ( baterista de Agoraphobia), Rafa López (xornalista, Visado-Faro de Vigo) e Raquel Seijo (promotora, Sweet Nocturna)
VENRES 22
CASA DA LUZ / XORNADAS SOBRE A INDUSTRIA MUSICAL
1. Das salas aos festivais: criterios programáticos e conflitos. 10:30-12.00 h.
As salas foron historicamente o medio natural do nacemento e desenvolvemento das bandas, pero o seu labor cada vez vese máis minguada pola aparición de festivais e as exclusividades que esixen aos seus participantes. É posible a harmonía entre ambas as realidades?
Moderadora: Marián Fernández (O Cable Inglés)
Relatores: Julio Gómez (investigador, director de Sinsal), Tali Carreto (co-director Monkey Week) e Miguel da Cierva (programador El Naútico)
2 . Está a escena musical preparada para a paridade? 12:30-14:00 h.
Analizarase se o punto de partida é o mesmo para todos ou se debemos repensar as prácticas actuais e establecer estándares de igualdade de xénero dentro da industria en España.
Moderadora: Arancha Estévez (xornalista especializada en cultura)
Relatora: Almudena Heredero (directora do Primavera Prol), Susana Laya (co-directora Atlantic Fest) e Marcela Sanmartín (programadora e creadora de contidos)
3 .Resolución de conflitos contractuais. Cumprimos todos coa lei? 16:00-17:30 h.
Poñeranse sobre a mesa os problemas aos que se enfrontan salas, músicos, festivais e axencias para o cumprimento efectivo das diferentes leis que afectan o desenvolvemento da actividade.
Moderador: Tomi Legido ( vogal da AGPXC- Asociación Galega de Profesionais de Xestión cultural, programador da sala Mardi Gras)
Relatores: Fran Velo (baixista en Heredeiros da Crus e The Lákazans), Xabier Alonso (director da Asociación Festivais de Galicia) e Patricia Gabeiras (doutora en Dereito da Cultura e socia directora da firma Gabeiras & Asociados)
4. Obradoiro: aprender a facer ruído para gritar menos, pero gritar mellor 18:00-19:30 horas.
A intención deste obradoiro é dotar de ferramentas aos artistas para que saiban manexar os recursos que lles permitan acceder aos programadores e aos medios de comunicación. Desde como preparar unha folla de promo, ata as redes, como enviar un correo electrónico ou como deseñar unha estratexia efectiva para pechar "bolos".
Impartido por: Ivone Lesan (Booker internacional, Sala Razzmatazz)