Busca os libros de 'As peripecias de Extravaganzza Pérez' en puntos emblemáticos da cidade

Pontevedra
20 de abril 2016

Esta iniciativa terá lugar este xoves 21, a partir das 12:30 horas, dentro das actividades do Salón do Libro. O 23 de abril, os asistentes á estrea de 'O esquío rampante' obterán un exemplar desta obra exclusiva coa compra das súas entradas

Libros de 'As peripecias de Extravaganzza Pérez', de Ledicia Costas
Libros de 'As peripecias de Extravaganzza Pérez', de Ledicia Costas / Salón do Libro

A organización do Salón do Libro levará a cabo durante os próximos días diferentes iniciativas para festexar o Día do Libro. A primeira será este xoves, 21 de abril. A partir das 12.30 horas da mañá, os escolares e adultos que queiran participar poderán atopar en lugares emblemáticos da cidade cincuenta exemplares de 'As peripecias de Extravaganzza Pérez', o libro escrito por Ledicia Costas nunha edición limitada de 2.000 exemplares para o Salón do Libro.

Ante a previsión de choivas, estes libros atoparanse situados nesas zonas da cidade envolvidos nunha bolsa plástica transparente con peche hermético e contarán cunha etiqueta que pon "Lévame". No interior inclúese un pequeno cartón que felicita o Día do Libro e convida os receptores para quedar co exemplar ou a compartilo unha vez finalizado para continuar a cadea.

Tamén durante este xoves, a partir das 10.00 horas coñecerase o nome dos gañadores dos 30 libros sorteados a través do Facebook do Salón do Libro.  

O 23 de abril, os asistentes á estrea de 'O esquío rampante' de Polo correo do vento tamén obterán un exemplar desta obra de Ledicia Costas coa compra das entradas para o espectáculo. As entradas teñen un prezo de 3 euros. Está previsto que se repartan 700 exemplares.