A décima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, na que se proxectaron máis dun cento de curtas de corenta países, contabilizou un total duns 6.500 espectadores e asistentes ás múltiples actividades paralelas organizadas entre o 9 e o 16 de setembro.
O festival rematou o sábado 16 cunha gala final na que o filme grego Fox se proclamouse gañador e levou a Ánfora de Ouro, dotada con 2.500 euros. A directora da cinta, Jacqueline Lentzou, recibiu o premio da man do alcalde de Bueu, Félix Juncal, e destacou que "non hai industria nin mercado para as curtametraxes, por iso estes festivais son importantes, porque a xente pode vir ver os nosos filmes, xa que nós facémolos para o público".
A Ánfora de Prata, dotada con 1.000 euros, foi para a cinta suíza Ruah, dirixida por Flurin Giger, que enviou un vídeo de agradecemento. O premio do público foi para a curta española Timecode, de Juanjo Giménez.
Ademais, o premio á mellor curtametraxe española foi para La disco resplandece, de Chema García Ibarra, quen lembrou nun divertido vídeo de agradecemento o seu anterior paso polo FICBUEU, e o premio á mellor curta galega recolleuno Nieve de Medina como integrante do reparto de Néboa, filme dirixido por Claudia Costafreda.
A gala contou coa asistencia da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen felicitou á organización "por estes dez anos de éxito absoluto"; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que se mostrou partidario de que as institucións "deben apoiar iniciativas que teñen detrás o respaldo da xente"; ou o alcalde de Bueu, Félix Juncal, que mantivo que este festival demostra "como unha vila pequena se pode converter nunha gran cidade da cultura".
O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, tamén asistiron á gala, na que a actriz Nieve de Medina tamén recolleu un dos premios honoríficos da noite, para o que a organización buscaba unha intérprete "que apostase polas curtametraxes, que fose unha gran actriz que nós admirásemos e cuxo recoñecemento público non estivese á altura do seu talento".
O premio de mellor dirección foi para Luz Olivares por Wald der echos (Austria) e o de mellor guión para Leni K (España), de Alberto Taibo. O premio á mellor actriz recaeu en Nina Mazodier por Un grand silence (Francia/Bélxica) e o de mellor actor en Amjad Prawej por Disco obu (India/Singapur/USA).
O xurado internacional integrado por Javier Tolentino, Paloma Biénzobas e António Costa tamén decidiu outorgar senllas mencións especiais en ambas as dúas categorías, unha a Lila Gueneau polo seu papel en Cléo (Francia) e outra a Tin Vulovic, de tan só oito anos, por protagonizar Srečno, Orlo! (Eslovenia/Austria/Croacia).
O premio á mellor fotografía foi para La Plage (Francia), o de mellor montaxe para Samedi (Francia) e o de mellor dirección artística para Irregulars (Italia). Bier & Calippo (Austria) fíxose co de mellor música e Valparaíso (Italia) co de mellor son. Dadyaa (Nepal/Francia) foi recoñecido polo seu vestiario e Ses souffles (Francia) pola maquillaxe e peiteado.