'Bueno Carallo Bueno', proposta pictórico-poética de José Freixanes e Alberto Avendaño en Vilagarcía

O Salnés
22 de xaneiro 2024

A mostra nace do libro homónimo no que o artista e o xornalista e escritor realizaron a súa primeira colaboración. Esta exposición permanecerá aberta na sala Rivas Briones ata o 25 de febreiro

Mostra 'Bueno Carallo Bueno'
Mostra 'Bueno Carallo Bueno' / Concello de Vilagarcía de Arousa

A sala de exposicións Antón Rivas Briones manterá aberta ata o 25 de febreiro a mostra titulada 'Bueno Carallo Bueno' do artista José Freixanes e do escritor e xornalista Alberto Avendaño.

Nesta proposta pictórico-poética ofrécese unha nova perspectiva do libro homónimo no que os dous creadores realizaron a súa primeira colaboración.

A poesía de Avendaño inspírase na tradición xaponesa mentres que Freixanes ofrece 39 pinturas en distintos formatos e utilizando diversas técnicas.

José Freixanes, nacido en Pontevedra en 1953, forma parte do Grupo Atlántica e traballa como profesor na Facultade de Belas Artes de Granada.

Alberto Avendaño, de Vigo, é membro fundador do Colectivo de Comunicación Poética Rompente, fincado en Vilagarcía nos últimos anos, foi profesor da John Hopkins Universtiy e director da edición española do xornal The Washington Post. Actualmente é membro numerario da Academia Norteamericana da Lingua Española.

A mostra pódese visitar de luns a sábado en horario de 10.30 a 13.30 horas e de 18.00 a 21.00 horas. Os domingos permanece aberta desde as 11.00 ás 14.00 horas.