O Concello de Cambados anunciou a actuación de pago que se incluirá na LXXII Festa do Albariño deste 2024. Será o 1 de agosto e chega da man dunha figura internacional, referente do trap e do reggaeton,Bryant Myers.
O artista urbano portorriqueño converteuse en portada dos medios de comunicación cando en 2018 sufriu, xunto á súa nai, un secuestro por dous individuos a punta de pistola. O músico logrou liberarse do vehículo ao que lles obrigaron a subir e finalmente a Policía logrou deter aos secuestradores.
En 2020 foi detido no aeroporto Aeroporto Internacional Luis Muñoz Marín en Isla Verde cun cargador con municións e marihuana. Posteriormente foi posto en liberdade sen ter que enfrontarse a cargos criminais por contar con licenza para portar armas e cánnabis medicinal, segundo indicou o seu avogado.
Durante a súa traxectoria profesional tivo enfrontamentos en redes sociais con outros músicos como Franco el Gorila ou Anonimus. Obtivo grandes éxitos como 'Esclava', 'Ojalá' ou 'Tanta falta'. E tamén participou no polémico tema de Maluma, 'Cuatro babys', canción que provocou un movemento en Change.org para que se retirara das plataformas dixitais ao entender que a letra promovía a violencia directa contra as mulleres.
Na Praza de Fefiñáns de Cambados, Myers ofrecerá un concerto nun escenario ao que tamén subiránHard GZ e Recycled J.
As entradas poñeranse á venda este venres 12 a partir das 16.00 horas, na oficina de turismo ou a través da plataforma Entradas.com, onde cincocentas entradas poderán ser adquiridas a 15 euros máis gastos de xestión e o resto estarán ao dispor do público a 25 euros máis gastos de xestión, segundo indica o Concello de Cambados.