'Brokeback Sabucedo' deixa a marca da diversidade sexual na clausura de Ponteatro

Pontevedra
19 de abril 2024

A compañía Sal do Teatro presentaba esta traxicomedia romántica con referencia cinematográfica que se desenvolve no contexto da Rapa das Bestas. A montaxe está dirixida pola pontevedresa Rocío Romero con dramaturxia de Santiago Telmo, de Sanxenxo, e do cambadés Carlos Losada

Función de 'Brokeback Sabucedo'
Función de 'Brokeback Sabucedo' / Mónica Patxot

A Rapa das Bestas de Sabucedo é o escenario onde se desenvolve 'Brokeback Sabucedo', un espectáculo que leva por subtítulo "paixón entre bestas" e que ten o seu referente cinematográfico en Brokeback Mountain, a exitosa película dirixida por Ang Lee.

Nesta montaxe trátase tamén a temática LGTBIQ+ pero situando o conflito no ámbito do rural galego. 

A compañía Sal do Teatro pechaba con esta obra a programación do ciclo Ponteatro cun novo éxito de público.

O texto e a dramaturxia de 'Brokeback Sabucedo' corresponde a Santiago Telmo, de Sanxenxo, e ao cambadés Carlos Losada. O propio Santiago Telmo é un dos protagonistas xunto a Borja Salgado.

A pontevedresa Rocío Romero dirixe a obra na que se presenta a vida de Roi e Rafa, dous antigos amigos da infancia, que se atopan en Rápaa das Bestas anos máis tarde.

Durante este encontro xorden sentimentos que permanecían ocultos entre ambos protagonistas. No medio da paixón que se transmite en escena tamén se manifesta unha crítica aos grandes proxectos de enerxía eólica nos montes galegos, que poñen en perigo a tradición e a paisaxe.