'Bocadillos de viñetas' como aperitivo a todos os contos que se cociñarán no Salón do Libro

Pontevedra
14 de marzo 2014

Todos os ingredientes para o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra están listos. Nunhas horas empezaranse a cociñar contos no Pazo da Cultura e, para empezar a poñer en marcha os fogóns, Orbil percorreu este xoves as rúas do casco histórico acompañado pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e polo responsable dunha das iniciativas que busca sacar o Salón do Libro á rúa, Kiko da Silva

Iniciativa 'Bocadillos de Viñetas' de Kiko da Silva con motivo do Salón do Libro
Iniciativa 'Bocadillos de Viñetas' de Kiko da Silva con motivo do Salón do Libro / Mónica Patxot

Todos os ingredientes para o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra están listos. Nunhas horas empezaranse a cociñar contos no Pazo da Cultura e, para empezar a poñer en marcha os fogóns, Orbil, a mascota do Salón, percorreu este xoves as rúas do casco histórico de Pontevedra.

Orbil estuvo acompañado pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e polo responsable dunha das iniciativas que busca sacar o Salón do Libro á rúa, Kiko da Silva. Os tres pasearon pola rúa Real e as inmediacións para gozar das viñetas deseñadas de Kiko da Silva para a ocasión.

Todas esas creacións de Kiko da Silva están agrupadas baixo o nome xenérico de 'Bocadillos de Viñetas' e estarán penduradas dos balcons dalgúns dos establecementos pertencentes á asociación 'Taburete'. 

O lobo Orbil aproveitou para porse en contacto cos viandantes e contarlles que este venres se inaugura a decimoquinta edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que leva por lema 'Cociñando contos' e terá como eixe central a cociña e a gastronomía.

O Pazo da Cultura acollerá ata o 5 de abril un suculento menú cheo de actividades. Ata 135 propostas diferentes de contacontos, espectáculos, obradoiros, presentacións, exposicións ou concertos prepararon os seus organizadores. Ás 19.00 hora deste venres 14 de abril será a inauguración oficial, pero durante toda a semana xa se realizaron actividades promocionais e toda a xornada inaugural estará cargada de actividade. 

A partir das 11.30 horas, a Orquestra Filharmonica Cidade de Pontevedra será a encargada de cociñar o menú. No seu caso, elaborarán 'A Casiña de Chocolate', unha función concertada con 14 escolares na que participarán ademáis de varios centros locais outros procedentes de Pobra do Caramiñal, Mazaricos, Catoira, Salvaterra de Miño ou Ribeira.

Inspirado no conto de OQO Editora Hansel e Gretel, contará ademais da música en vivo, cun narrador e dous actores. A partir das 18.00 horas repetirán representación, xa aberta para todo o público, no auditorio do Pazo da Cultura.  A Casiña de Chocolate está especialmente pensada para nenos a partir dos 6 anos. A venda de entradas será unha hora antes no vestíbulo do auditorio do Pazo a un prezo de 3 euros.

A inauguración oficial das 19.00 horas contará coa presenza de profesores e alumnado dos centros CEIP San Martiño (Salcedo) e CEIP Parada (Campañó), que explicarán na sala de exposicións o proceso creativo dos seus traballos. A continuación, o alcalde, Miguel Anxo Fernández e a concelleira de Cultura darán por aberto o Salón apoiados pola animación de 'Teatro Gazafelhos': Chés Antuá de la Sardiní, Philip de Toucignom e Fransuá de la Berengem. Tamén haberá contacontos a cargo de 'Pavís Pavós' e algunha sorpresa para os asistentes.