'Da Boa Vila á Habana', a homenaxe de Os de Algures aos homes e mulleres "que fixeron a súa vida na emigración"

Pontevedra
25 de novembro 2024

A compañía Os de Algures estreou no Teatro Principal de Pontevedra este novo espectáculo co que, ademais, quixeron recoñecer aos impulsores do himno galego

Espectáculo 'Da Boa Vila a La Habana' de Os de Algures
Espectáculo 'Da Boa Vila a La Habana' de Os de Algures / Cristina Saiz

Case noventa artistas, entre músicos, coristas, bailaríns, actores, figurantes e técnicos, fixeron posible o último espectáculo de Os de Algures, Da Boa Vila á Habana, que a agrupación estreou este domingo no Teatro Principal.

Da Boa Vila á Habana, segundo Os de Algures, foi unha homenaxe á figura dos homes e das mulleres que fixeron a súa vida naemigración e que, alí onde se asentaron, deixaron a súa pegada nas artes escénicas, musicais e líricas.

No espectáculo, que foi de acceso libre até completar o aforamento, uníronse diferentes expresións escénicas como a música, a lírica, a danza ou o teatro.

O seu punto de partida foi a historia do nacemento do himno galego, polo que esta proposta serviu tamén como un recoñecemento a Eduardo Pondal, Pascual Veiga, Curros Enríquez, José Castro 'Chané' ou Xosé Fontenla Leal por ser os seus promotores.

A obra, dividida en catro actos, reflectiu acontecementos cuxa pegada, subliñan desde Os de Algures, "aínda perdura en Pontevedra" e buscaba que aquelas persoas que descoñecen o traballo de todos estes creadores entendesen a importancia do seu legado.

Ao escenario do Principal subiron doce músicos da asociación de gaiteiros Os de Algures e trinta coristas do Coro Vinderel do IES Xunqueira I de Pontevedra.

Xunto a eles actuaron sete bailaríns da Asociación de Danza e Teatro Cafuné, outro seis da escola de danza Pontebaile, dez actores do grupo de teatro Argalladas e catorce figurantes dos grupos Cafuné, Galidanza e Tramoias de Algures.

O espectáculo estaba especialmente deseñado para o público maior de 60 anos, que eran coñecedores da inmensa maioría dos temas musicais do seu repertorio, entre os que soaron cancións de salsa, boleros, mambo, rumbas ou congas.

Todo iso adornado por un escenario no que se recreou un club cubano cheo de palmeiras de neón e cunha ambientación tropical, así como un espectacular vestiario que evocaba aos anos 50 e que impactou ao público polo seu colorido e polo seu movemento nos bailes.