Bina Daigeler: "Moitas veces non tomamos en serio un momento de acoso no sector audiovisual e agora mesmo isto non pasaría"

Pontevedra
21 de novembro 2024

A deseñadora de vestiario Bina Daigeler impartiu unha clase maxistral nas previas dos premios Feroz coa colaboración de Debut, a pasarela do máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda

Bina Daigeler, deseñadora de vestiario, na facultade de Belas Artes
Bina Daigeler, deseñadora de vestiario, na facultade de Belas Artes / Mónica Patxot

Bina Daigeler (Múnic, Alemaña, 1965) impartiu este mércores a segunda clase maxistral das previas dos premios Feroz. Visitou a facultade de Belas Artes coa colaboración de Debut, a pasarela do máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda..

Afincada en España dos anos 80, labrouse un nome no deseño de vestiario en producións de índole nacional e internacional, con fitos como o nomeamento aos Premios Óscar 2020 polo vestiario de Mulan(Niki Caro) ou o traballo con cineastas como Pedro Almodóvar (Volver, Todo sobre mi madre), Jim Jarmusch (Solo los amantes sobreviven) ou José Bastos Padilha Neto (Narcos).

Nesta visita a Pontevedra imparte unha MasterClass a alumnado de deseño e moda. Considera que é importante ter este tipo de encontros con persoas ás que pode axudar a formarse?
Si, é moi importante e creo que é gratificante para ambas as partes.

Ademais dun repaso pola súa carreira, que quere transmitirlles como futuros traballadores do sector?
Vou tentar que saian de aquí cunha chea de ilusións, que vexan que hai posibilidades no sector, porque coas novas plataformas hai moito traballo e creo que para para a xente nova é importante darlles esta impresión. E voulles tentar falar da miña profesión con moito agarimo porque me gusta moito e tamén explicarlles en que consiste ser deseñadora de vestiario para cine ou audiovisuais.

Que é o máis importante á hora de deseñar un vestiario para unha produción audiovisual?
Que te basees no guión e que que teñas o coñecemento da linguaxe visual do director co que vas traballar porque cada director é moi diferente e, como deseñadora de vestiario, en comparación cunha deseñadora de moda, nós traballamos para e co director. Non son eu a única creativa, senón que é un traballo en equipo.

Cando se enfronta a un novo proxecto e a traballar cun novo director, faino con total liberdade ou hai imposicións?
Depende moito do director, pero, por suposto, xa o guión en si mesmo é unha imposición e a época, os actores... Hai directores que te deixan total liberdade, pero logo ti tes que acordar moito os factores, as localizacións, a luz, a decoración, o departamento de arte... Hai unha chea de factores que van influír no que un vai deseñar.

Que resulta máis difícil, crear unha serie de época ou unha baseada nos días actuais?
A min paréceme que son máis complicadas as actuais, porque a de época, ao final, tes unhas directrices que trae a mesma época, pero no contemporáneo hai moitas opinións diferentes, moita xente que pensa que pode opinar. E a xente non o ve, danche menos tempo e menos orzamento.

Cal é o traballo máis complicado ao que se enfrontou até agora?
As complicacións poden ser nun contemporáneo pola dificultade do guión ou da historia que tes que contar, pero logo enfrontarse a un proxecto como Mulán, que foi tan grande e con tanto orzamento con tanta xente traballando para un mesmo. Dirixir un taller de 120 persoas é tamén moi complicado.

Deseñou con grandes cineastas como Pedro Almodóvar. Como é traballar con el?
Pedro, obviamente, é un director moi moi icónico e ten unha linguaxe visual moi potente e sabe moi moi ben o que quere, teno na cabeza, pero tamén lle encanta ter moitísimas opcións en todo. As súas películas son moi coloridas, de manexar as cores e acertar e que todo encaixe e ao final sexa unha composición bonita e harmónica é un reto.

Bina Daigeler, deseñadora de vestiario, na facultade de Belas Artes
Bina Daigeler, deseñadora de vestiario, na facultade de Belas ArtesMónica Patxot

Traballou en España e fóra. Que diferenza unha industria da outra? A de España da de Estados Unidos, por exemplo.
As películas que eu fixen estranxeiras con Estados Unidos normalmente tiveron un orzamento moito máis grande. Entón, quizais tamén as esixencias son moito máis altas. E aquí adaptarse a uns orzamentos moito máis reducidos trae tamén a súa propia complicación.

Gústalle máis traballar en España ou en Hollywood?
Non o comparo e, en xeral, nunca comparo un proxecto con outro porque unha vez que me comprometo cun traballo, téntoo facer todo co mesmo entusiasmo.

Vive en Madrid desde os anos 80 e viu catro décadas de evolución do cine español. En que cambiou?
Cambiou que agora temos as plataformas, hai uns estudos de Netflix xigantes en Madrid e iso xera moitísimo traballo. Ródase en dixital, que é moitas veces máis áxil, e iso cambiou a industria. Está máis modernizada e máis grande.

Tendo en conta este contexto actual en que hai moita produción de series, é moi diferente traballar para unha película que para unha serie?
Si, é moi diferente porque moitas veces, nunha serie de 10 capítulos, empezas e tes soamente dous episodios e non tes todos os guións; entón é moi complicado crear un personaxe, saber que arco lle queres dar ao personaxe, como manexas o orzamento. E logo, moitas veces nas series tes diferentes directores, con diferentes gustos. Nunha película tes un director, tes un guión e lelo e, aínda que hai cambios do guión durante a rodaxe, a estrutura está aí.

Un dos momentos nos que máis brillou foi co nomeamento aos Óscar con Mulán. Que supuxo iso na súa carreira?
Diría que non cambiou nada ter un nomeamento. Estou igual, buscando traballo. Non cambiou nada en realidade. Foi unha satisfacción para min persoalmente moi grande, nunca pensei que fose chegar a ter un nomeamento ao Óscar porque é unha cousa que ves tan lonxe e tan imposible que foi unha sorpresa preciosa, pero en realidade non cambiou.

Dígame algún director co que non traballase que lle gustaría.
Encantaríame traballar con Scorsese.

Gustaríame terminar coa situación da muller na industria audiovisual. Vostede notou algunha diferenza ou discriminación polo feito de ser muller?
Creo que hai unha discriminación xeral no departamento de vestiario ou de maquillaxe porque ao final son profesións basicamente femininas e creo que hai un traballo que temos que facer entre nós para que se valore igual que o deseño de produción e outras profesións, pero estamos niso e cambiou xa un pouco nos últimos anos. E si vin e vivín situacións que hoxe en día sería moito máis fácil denunciar e a xente non se tería rido do momento porque vin moitas veces como nos rimos en xeral dun momento de acoso e non o tomamos en serio e agora mesmo isto non pasaría.

Si se ve un cambio en relación coas actrices. Antes estaban máis cousificadas e agora menos.
Pois creo que coas actrices, pero tamén no set de rodaxe, nos equipos detrás da cámara. Aí hai moitas situacións que agora a xente nova, as mulleres novas non se deixarían acosar porque non ten que ser un acoso así claro, pero si como unha persecución e que resulta difícil negarte.