A programación de actividades previas aos Feroz 2025 en Pontevedra non se detén.
Tras proxectar catro das películas nomeadas en anos anteriores, en novembro haberá clases maxistrais con prestixiosos profesionais do mundo audiovisual, mesas de debate, un concerto ou proxeccións e coloquios dentro dun ciclo con perspectiva feminista.
Será o mes, ademais, no que se anunciarán as candidaturas aos Feroz 2025. Será nun acto público que terá lugar en Pontevedra o próximo 28 de novembro.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a "calidade e diversidade" da programación que a organización destes premios está a impulsar na cidade e que está a resultar un "éxito total" entre a cidadanía.
"Está indo como un tiro", celebrou Fernández Lores, que sostivo que, a pesar de que as películas proxectadas até agora eran "complexas, atrevidas e pouco convencionais", todas elas espertaron un "enorme interese" no público, esgotándose as entradas dispoñibles.
Unha das principais citas para o próximo mes será o mércores 20 de novembro. Visitará Pontevedra Bina Daigeler, unha figurinista alemá afincada en España que conta cun nomeamento aos premios Óscar polo vestiario que deseñou para a película Mulan.
Ofrecerá, en colaboración co máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda que se imparte en Pontevedra, unha clase maxistral no Pazo da Cultura para falar da súa extensa carreira, na que, entre outros cineastas, traballou con Pedro Almodóvar.
A segunda clase maxistral que os Feroz organizarán o próximo mes, neste caso o día 19 de novembro na Facultade de Belas Artes, estará protagonizada polo coruñés Alberto Vázquez, cineasta, ilustrador e debuxante de cómics, entre moitas facetas.
Compartirá cos asistentes como é o seu traballo no sector da animación e como foi a xestación de Unicorn Wars, filme que gañou en 2022 o Goya á mellor película de animación e que ese mesmo ano foi candidato ao Feroz Arrebato de ficción.
En canto ás proxeccións, os Feroz achegarán ao público pontevedrés catroclásicos modernos do cine español dentro dun ciclo especial con perspectiva feminista.
A intención épór sobre a mesa os roles dos personaxes femininos, as historias ou certos aspectos formais nestas películas "elementos que contribuíron a que as películas tamén constrúan o imaxinario sobre o que se sustenta a sociedade heteropatriarcal actual".
Serán Lucía y el sexo de Xullo Médem (6 de novembro), Cría cuervos de Carlos Saura (8 de novembro), Jamón jamón de Bigas Luna (15 de novembro) e Amanece que no es poco de José Luís Cuerda (21 de novembro), sobre as que se exporán debates posteriores.
Para axudar a "reconfigurar" a mirada dos espectadores, estes coloquios estarán conducidos respectivamente por Paula Serna, do Observatorio da Diversidade en Medios Audiovisuais; Pepa Blanes, xefa de Cultura da Cadea SER; Beatriz Martínez, xefa de Cultura en Infobae España; e Marta Armengou, fundadora e directora de Filmtopia.net.
Esta programación para novembro completarase cunha mesa de debate e a presentación dunha investigación, os días 6 e 8 de novembro, sobre as mulleres no sector audiovisual.
O primeiro destes dous días, Sonia Méndez (directora de As Neves), Chelo Loureiro (de Abano Producións) e Sara Horta (produtora en Indíxena Films) falarán o da visión das directoras e produtoras no escenario actual baixo o título 'Mulleres que contan'.
Jéssica Izquierdo, profesora da Universidade Jaume I, presentará o día 8 a súa investigación 'As creadoras no audiovisual' na que expón como conseguir renovar discursos e referentes.
O escenario elixido para ambos os casos será a Facultade de Comunicación.
Ademais, o sábado 30 de novembro ás 20:00, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá o Concerto Feroz Bandas Sonoras, da Banda de Música de Pontevedra e coa dirección de Rafa Agulló Albors. A entrada libre será até completar aforamento.