Un novo festival musical animará o verán pontevedrés. Estará dedicado á música urbana. Trátase do Big Sound Festival, que se celebrará os días 11 e 12 de xullo de 2025 no Parque de Tafisa, segundo confirmaron este venres os seus organizadores.
A chegada a Pontevedra supón un paso máis na expansión deste festival que, tras catro edicións en Valencia, engadiu tamén a Sevilla como sede en 2024.
Agora dará o paso cara ao norte coa súa aterraxe na Boa Vila, que estará impulsado polas compañías BS Entertainment e Play Plan, estes últimos promotores do SonRías Baixas, en colaboración co Concello de Pontevedra.
Farao ademais con grandes nomes da música urbana, tanto nacional como internacional, entre os que estará o cantante portorriqueño Nicky Jam, que foi anunciado como un dos cabezas de cartel para a estrea deste festival na cidade do Lérez.
O de Pontevedra será o único concerto en Galicia en 2025 de Nicky Jam, un dos pioneiros de reguetón, coñecido por éxitos como El Perdón ou Hasta el amanecer.
Xunto a el subirán ao escenario deste festival, entre outros, Amaia, Tanxugueiras, Abraham Mateo, Omar Montes, coñecido pola súa capacidade de fusionar reguetón e flamenco; ou Juan Magán, o referente da música electrolatina.
O Big Sound Festival tamén contará con La Zowi, icona do trap español; con Julieta, unha das promesas emerxentes do pop urbano; ou con Caly y ek Dandee, Depol, Marc Seguí, María Escarmiento ou a rapeira Ptazeta.
Con esta expansión a Galicia, o Big Sound Festival quere reafirmar o seu compromiso de levar a mellor música urbana a novas audiencias, consolidándose así como un dos festivais máis importantes de Europa e creando un evento que exceda á música.
A chegada deste festival, que se sumará ao Surfing the Lérez e ao Río Verbena Fest, consolida á cidade de Pontevedra como referente no circuíto de grandes eventos musicais.
Os abonos para a primeira edición do Big Sound Festival poranse á venda o vindeiro luns 25 de novembro en bigsoundfestival.com. Terán un prezo inicial de 39 euros.